Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Fernando X. Blanco presentou á SEPI un plan de viabilidade para a industria naval en Ferrol

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, vén de presentar ao presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, un plan de viabilidade para garantir o futuro da industria naval en Ferrol, nunha reunión que ambos mantiveron en Madrid. Martínez Robles comprometeuse co conselleiro nacionalista a estudar o plan e facilitar unha resposta sobre o mesmo nun próximo encontro que manterán no prazo dun mes.

Fernando Blanco plantexoulle tamén ao presidente da SEPI a creación dunha comisión de traballo na que estarían representados a Xunta, a propia SEPI e os empresarios do sector, e que sería a encargada de desenvolver o plan de viabilidade proposto. O titular de Innovación e Industria amosou a súa convicción de que o sector naval en Ferrol ten futuro e pode ser un importante xerador de emprego no país, se ben insistiu en que “todos temos que implicarnos e facer un esforzo importante, os empresarios tamén”.

En relación ao futuro de Santa Bárbara, outro dos temas analizados con Martínez Robles, o conselleiro explicou que o presidente da SEPI lle amosara as súas garantías de que General Dinamics cumprirá cos compromisos adquiridos no plan de privatización e terá realizados os investimos de 1,2 millóns de euros na fábrica coruñesa en xuño, mes no que remata o prazo do contrato de venda. Segundo os datos manexados pola SEPI froito dunha auditoría, General Dinamics xa avanzou moito no cumprimento dos seus compromisos, tanto de investimentos como de carga de traballo, ao longo dos últimos meses. “Haberá que analizar se en xuño se cumpren eses compromisos”, subliñou Blanco, quen recalcou que en caso de que a compañía incumpra as condicións de privatización, a SEPI ten que tomar medidas.

O titular de Innovación e Industria anunciou que se vai reunir nas vindeiras datas co conselleiro delegado de General Dinamics para abordar a posta en marcha de novos proxectos na fábrica da Coruña. Neste sentido, o presidente da SEPI tamén lle avanzou a Blanco que xa se están estudando novos contratos que doten de nova carga de traballo a Santa Bárbara.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia