Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Touriño compromete a aprobación dun plan integral para a área sur de Galicia que permita a Vigo exercer a función de liderado e motor de desenvolvemento da Eurorrexión

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeu a aprobación no primeiro cuadrimestre do ano do Plan de Actuación da Área Metropolitana Vigo-Pontevedra co que pretende garantir que a cidade olívica poida cumprir “a función de liderado, de motor de crecemento económico e competitividade” do sur de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Así o asegurou tras unha xuntanza de traballo cos membros da Xunta Directiva do Club Financeiro de Vigo, na que tamén participou a conselleira de Política Territorial, María José Caride. Durante a mesma, transmitiulles “os esforzos” que está a realizar o Goberno que preside para converter a cidade galega “nun centro de innovación e desenvolvemento económico e cultural”, proceso no que emprazou a participar a todas as institucións e todos os axentes económicos e sociais.

O máximo mandatario galego incidiu en que Vigo ten a “vocación” de desenvolverse como cidade e como motor da eurorrexión, liñas ás que se dirixen “os esforzos” da Xunta de Galicia. Nese senso, Emilio Pérez Touriño indicou que neste cuadrimestre dará cumprimento ao compromiso que asumiu no Parlamento galego de presentar un plan de actuación para a área metropolitana de Vigo, un plan “integral e global” que “debe permitir contribuír de maneira decisiva a esa función de liderado, de motor de crecemento económico e competitividade que Vigo debe desenvolver”.

Liñas de actuación

Segundo concretou o presidente, este plan abordará o conxunto de “infraestruturas, equipamentos e plataformas loxísticas” que a área metropolitana necesita para o seu desenvolvemento e que se concretan nun conxunto de actuacións. En primeiro lugar, o presidente citou o adianto do plan director do aeroporto de Vigo, no que atinxe ao desenvolvemento da súa función de terminal de carga e as modificacións necesarias para levalo a cabo, como a ampliación da pista do aeródromo. O programa recollera tamén o plan estratéxico do porto de Vigo; a creación de solo industrial, especialmente o desenvolvemento da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves e a súa conexión coa autovía A-52 “en tempo e forma”; a resolución da integración do tren de alta velocidade na cidade olívica, garantindo a saída sur e a conversión da estación de ferrocarril en pasante; o plan de transporte da área metropolitana que garanta a “mobilidade plena” dos seus habitantes; e a adopción dunha solución para a peaxe de Rande e “os tráficos cautivos” entre Vigo e a península do Morrazo “nun curto prazo”. Un obxectivo que cualificou de “difícil” debido á herdanza deixada polos gobernos do PP, que privatizaron a empresa que xestiona a AP-9 e ampliaron a concesión ata o ano 2048.

Xunto a isto, Emilio Pérez Touriño destacou o “compromiso” do Goberno que preside coa creación dun “megadistrito industrial, u clúster de clústers, unha plataforma de innovación e desenvolvemento tecnolóxico” na cidade que agrupe os esforzos da administración autonómica, a universidade e as empresas.

Como elemento importante deste plan, o presidente manifestou a súa vontade de incorporar o diálogo coas axentes sociais e económicos da cidade viguesa, polo que agradeceu ao CFV o seu compromiso de “cooperación e contribución” a este plan “estratéxico e potente” que pretende potenciar o papel de Vigo como motor económico de Galicia.

Converxer con Europa

“Galicia ten a opción estratéxica en torno a o obxectivo fundamental de conseguir no horizonte dos oito anos próximos achegarnos á media de desenvolvemento europeo e abandonar a traxectoria histórica de estar 25 puntos por debaixo da renda media da UE e converternos nun pais plenamente europeo dende o punto de vista da renda, o benestar e a calidade de vida”, considerou Touriño, quen manifestou que para logralo é necesario garantir o crecemento económico e a competitividade das áreas máis dinámicas do país como Vigo.

Pola súa banda, o presidente do Club Financeiro de Vigo, Juán Ramón Güell, destacou a “impresión moi satisfactoria” obtida da reunión co presidente da Xunta, pois atopou “vontada de solucionar os problemas” que aqueixan a área.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia