Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A central hidroeléctrica do río Xesta estragará a fervenza da Freixa e o seu contorno

Ao aprobar onte o Proxecto Sectorial da Central Hidroeléctrica do río Xesta, a Xunta dá un paso máis para posibilitar a destrución dunha das mellores fervenzas galegas e do seu contorno. O goberno galego antepón así unha vez máis os intereses privados ilexítimos dunha empresa á defensa do medio ambiente, contrariando os auténticos intereses colectivos. A ordenación irracional da instalación de minicentrais hidroeléctricas está acabando con algunhas das mellores fervenzas da nosa terra.
A fervenza da Freixa, en Liñares (A Lama) é unha das máis altas e salvaxes de Galicia. É a protagonista dun dos sendeiros divulgados pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta, o que pon de relevo o seu papel na atracción de turismo e o dano que causará a central hidroeléctrica do Xesta ao potencial do municipio da Lama para o turismo rural. A minicentral non xerará riqueza nesta zona de montaña e limitará as súas posibilidades de desenvolvemento sostíbel.
ADEGA presentou no seu día alegacións ao Plano Sectorial Hidroeléctrico de Galicia-Costa ao abeiro do cal se aproba agora o Proxecto Sectorial da Central do Xesta. Estas alegacións foron rexeitadas pola Xunta, en particular a que defendía a prohibición da construción de centrais hidroeléctricas en zonas de elevado interese natural. O fundamentalismo produtivista do goberno galego está estragando valiosos tramos dos nosos ríos para xerar unha escasa produción eléctrica e beneficiar a algunhas empresas.
A fervenza da Freixa será unha sombra do que é hoxe se se contrúe a central do Xesta, como aconteceu xa con outras fevenzas, como por exemplo a do Xallas ou a do Toxa, tamén por causa de aproveitamentos hidroeléctricos. No futuro próximo poderían seguir a mesma sorte outras como as torrentes de Mácara (ameazadas por unha das sete presas do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico integral do Ulla deUNIÓN FENOSA) ou a fervenza do río Outón en Carballo (ameazada por un proxecto de minicentral de ENGASA).
ADEGA está a promover, xunto con outras organizacións, a campaña Sobran presas. Faltan ríos vivos (www.rios-vivos.org), que denuncia a insostibilidade ecolóxica do Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galicia-Costa e demanda a súa revisión, así como unha política enerxética que sitúe como a primeira das súas prioridades a promoción intensa do aforro e a eficiencia enerxética.
Adega