Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Comisión Galega de Cooperación Local deu o visto e prace ao texto do Pacto Local

A Comisión Galega de Cooperación Local deu o visto e prace ao texto do Pacto Local, que será estudado o xoves 19 de xaneiro polo Consello da Xunta e que se formalizará o venres no Hostal dos Reis Católicos entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o titular da Fegamp, Xosé Crespo. Ao remate da xuntanza da comisión, o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu asegurou que o acordo adoptado na reunión de hoxe supón un “paso adiante histórico”.

Méndez sinalou que se aprobou o texto do Pacto Local, cunha engádega que matiza un dos aspectos do texto (que a xestión dos centros da rede primaria sexa para aqueles concellos que o soliciten). Na súa opinión, en xeral todos os asistentes á Comisión de hoxe foron “plenamente conscientes do paso adiante histórico que significa dispoñer dun acordo político” que afecta ás diferentes institucións de Galicia, que afecta aos diferentes grupos políticos e que vai significar sen dúbida un paso adiante na procura da maior autonomía política e de xestión dos concellos e sobre todo na garantía para os cidadáns de que “os servizos serán prestados de xeito máis racional, de xeito máis próximo ao enderezo dos cidadáns e buscando sempre unha racionalización de custos”.

Segundo indicou o titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha vez asinado o Pacto Local formaranse comisións mixtas, configuradas como grupos traballo de carácter máis técnico con representación paritaria da Fegamp e das consellerías correspondentes en cada caso. Neste sentido asegurou que agarda “que de aquí ao verán estean todas en marcha e con resultados”.

En canto aos prazos do desenvolvemento do proceso posterior á sinatura do Pacto, Méndez explicou que o que ten que ver co financiamento directo do fondo de cooperación local xa queda aprobado e fixado nunha cifra para os vindeiros anos; en canto á solución dos centros de saúde primaria e dos xulgados de paz, por exemplo, teñen como prazo fixado antes de 2009; e o prazo dos aspectos de carácter normativo dependen dos grupos de traballo que se van comezar a reunir agora.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia