Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xunta de Goberno central asinan un convenio de colaboración por valor de 305 millóns de euros que facilitará o acceso á vivenda a máis de 32.000 familias galegas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño presidiu a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Vivenda para a aplicación na Comunidade galega do Plan Estatal de Vivenda 2005-2008. O convenio asinado hoxe, que pretende facilitar o acceso a unha vivenda digna aos cidadáns galegos, recolle unha achega por parte do Goberno español de 305 millóns de euros, o que permitirá beneficiar a máis de 32.396 familias ao longo da súa aplicación, ata o ano 2008.

O titular do Goberno autonómico salientou que “estamos diante dun feito politicamente significativo polo impacto extraordinario que –asegurou- estamos certos que terá a aplicación e o desenvolvemento deste convenio que se acaba de rubricar entre a Xunta e o Ministerio de Vivenda”, posto que se trata “dun tema especialmente sensible, querido e prioritario tanto para o Goberno da Xunta de Galicia como para o Goberno de España”.

En palabras de Emilio Pérez Touriño, a sinatura do acordo terá “un impacto extraordinario desde o punto de vista social e familiar”, posto que “estamos a falar dun volume de recursos de 305 millóns de euros que achega o Estado”, que van permitir un número total de actuacións altamente significativo”, xa que o Plan de Vivenda 2005-2008 supón para a Comunidade galega duplicar as actuacións do anterior plan.

Duplicar investimento e beneficiarios

Nesta mesma idea incidiu a ministra de Vivenda, María Antonio Trujillo, salientando que a cifra que o Goberno de España achega a Galicia en materia de vivenda é “moi importante”, se se toma como referencia o anterior plan estatal na materia, o do ano 2002-2005, que só dedicaba a Galicia 153 millóns de euros. “O Goberno de España duplica o investimento para as políticas de vivenda, de 153 millóns de euros a 305 millóns”, asegurou a ministra, salientando ademais que o Goberno español “se preocupa polos galegos e as galegas”: mentres que o anterior plan só beneficiou a 16.000 persoas o asinado hoxe prevé beneficiar a 32.396 familias de Galicia.

“Polo tanto –salientou María Antonio Trujillo- o esforzo do Goberno de España, que ten adquirido un compromiso con esta Comunidade, co seu presidente, e, en definitiva, cos cidadáns galegos e galegas, duplica os recursos e as familias que se poden ver beneficiadas”. E isto é así, segundo sinalou, porque o Goberno español se ten comprometido coas políticas sociais e porque o Plan Estatal de Vivenda 2005-2008 vén acompañado de case 7.000 millóns de euros fronte aos 3.000 millóns do Goberno anterior, o que permitirá beneficiar, ata o 2008, a 720.000 familias.

En relación a achega do Plan para a Comunidade galega, a ministra sinalou que se rexistra un “incremento cuantitativamente moi importante” respecto ao plan anterior, xa que, coa sinatura deste convenio, “incrementamos en máis dun 80 por cento as vivendas que se van construír nos próximos anos na execución do plan 2005-2008”, tanto para a compra como para o aluguer. No caso concreto das vivendas de nova construción para aluguer o incremento é de máis dun 1.000 por cen.

Reserva de eficacia

Na súa intervención a ministra de Vivenda sinalou ademais que estas cifras son “os datos iniciais” posto que, segundo salientou, “Galicia –e cónstame que así vai ser- será unha Comunidade Autónoma que tirará necesariamente da reserva de eficacia”, un fondo que se reserva o Estado para incrementar tanto o orzamento como o número de vivendas que se poden beneficiar do plan, se realizan unha xestión eficaz.

“A cifra é inicial pero pódese incrementar coa reserva de eficacia que ten prevista o Estado para as Comunidades Autónomas más cumpridoras e máis eficaces”, sinalou María Antonia Trujillo indicando que “non hai máis que ver cales son as iniciativas que se están levando a cabo en Galicia para ver que esta Comunidade Autónoma é sensible, como o é o Goberno de España, coas necesidades dos cidadáns e, concretamente, coas necesidades en materia de vivenda”.

Así mesmo, a ministra detallou que no convenio asinado hoxe entre a Xunta e o Ministerio tamén se recollen outras actuacións como as xanelas únicas de vivenda que poderán ser subvencionadas con dous millóns de euros. O obxectivo destes instrumentos é optimizar a xestión, o gasto público e proporcionarlle máis información aos cidadáns en materia de vivenda.

Agradecemento

Na súa intervención, o máximo mandatario galego tamén quixo agradecerlle a ministra e ao Goberno de España “o compromiso activo” coa Comunidade galega manifestado na sinatura deste convenio de colaboración. “Grazas por este esforzo de cooperación, que vai na liña dese trazo de cooperación activa” entre ambas administracións, salientou Emilio Pérez Touriño, manifestándolle á ministra que sempre terá “a cooperación leal, activa por parte da Xunta” para a aplicación desta política de vivenda “e as que nun futuro, estou seguro que imos seguir desenvolvendo”, concluíu.

No acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Vivenda participaron, ademais do presidente do Goberno galego e da ministra de Vivenda, a conselleira do ramo, Teresa Táboas, e o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia