Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Boa acollida ás propostas do Concello. É o balance da entrevista do alcalde de Ponteareas coa conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia

A entrevista, que fora solicitada a mediados do pasado mes de novembro, foi valorada de xeito positivo polo Alcalde de Ponteareas dado interese amosado pola Conselleira polos temas plantexados, confiando que estas boas intencións cheguen a concretizarse positivamente para o noso municipio.

Os temas abordados ao longo da entrevista foron, entre outros, os seguintes:

- a construcción do Parque Empresarial na zona de Guláns e Cristiñade, para o que xa existe un convenio asinado, constatando que se trata dun tema que vai ben encamiñado, e que nos días vindeiro será abordado cos responsables de Xestur Pontevedra de cara a redacción urxente dun plan parcial que posibilite a súa construcción.

- O Alcalde informoulle á Conselleira da problemática existente na zona de A Lomba, nas parroquias de Areas e Ribadetea, solicitándolle a súa colaboración técnica e económica para a realización dun plan parcial que ordene esta zona. Teresa Táboas comprometeuse a estudiar este tema, quedando pendente unha visita do Director Xeral do IGVS para coñecer “in situ” esta problemática.

- Os representantes da Consellería amosaron un grande interese pola nova zona, prevista no Plan Xeral en redacción, de solo industrial na parroquia de San Mateo dada a gran necesidade de incrementar o solo industrial nesta área de sur de Pontevedra. O Director Xeral do IGVS quedou de coñecer esta zona no decurso da visita que realizará a Ponteareas.

- O Alcalde informoulle á Conselleira doutras das previsión do novo planeamento urbanístico de Ponteareas que prevee 150.000 m2 para a creación de vivendas de protección oficial, ofertándolle este solo á Consellería para levar adiante esta importante iniciativa en materia de vivenda e de grande trascendencia social. Esta iniciativa do goberno municipal tenta respostar á necesidade de novas vivendas en Ponteareas derivadas do previsible incremento de poboación tras a creación das novas zonas industriais de Guláns-Cristiñade e San Mateo e mesmo do chamado “Porto seco” de Salvaterra-As Neves.

- Por último, o Alcalde solicitoulle á Consellería a súa colaboración na recuperación e rehabilitación do “casco vello” da vila de Ponteareas, mediante liñas de financiamento para intervencións tanto nos espazos públicos como nos edificios privados e que posibiliten unha mellora desta zona degradada da vila do Tea.

Reseñar, por último, que a Conselleira foi informada da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que se atopa xa ultimado, amosando o interese da Consellería por axilizar ao máximo a súa tramitación.

Para o Alcalde de Ponteareas esta entrevista patentiza o importante traballo que está a desenvolver o goberno municipal de Ponteareas a prol do desenvolvemento da localidade e que contrasta coas gratuitas afirmacións doutros grupos políticos sobre a “paralise” do goberno municipal.
Concello de Ponteareas