Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pérez Touriño salienta que o Goberno da Xunta está a cumprir o compromiso de converter Vigo no motor do crecemento económico da Galicia do século XXI

“Comprometín que co novo Goberno da Xunta, co esforzo e a cooperación de Vigo, seríamos capaces de facer realidade o Vigo do século XXI: converter Vigo no motor de crecemento económico da Galicia do século XXI”. Con estas palabras, pronunciadas durante a presentación do plan e ampliación do porto, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, lembrou o obxectivo do Goberno que preside para esta urbe.

Na súa intervención, salientou que o proxecto da reforma do porto presentado constitúe o paso que Galicia e Vigo “precisan para o presente século”. Pérez Touriño indicou que o obxectivo é converter o porto de Vigo nun dos grandes portos europeos, “un porto capaz de competir e ter a mellor capacidade de atracción para o tráfico de contedores e de pasaxeiros”, de maneira que se converta no que denominou “o gran porto do Atlántico”.

Neste sentido, o presidente da Xunta considerou que o plan de ampliación e reforma do porto vigués é unha aposta “de extraordinario calado”, posto que prevé triplicar a capacidade de mobilización de contedores e duplicar a de pasaxeiros.

Acabar coa discriminación e descoordinación

O máximo mandatario galego comprometeuse tamén a asumir a elaboración no primeiro semestre do ano dun Plan Vigo que incluirá os equipamentos e infraestruturas necesarios para a cidade, no que ten que ver con estradas, ferrocarril, solo industrial, equipamentos sanitarios e culturais, etc.

“Eu comprometo que se acabou a discriminación, a descoordinación e o déficit en infraestruturas e en equipamentos en Vigo”, asegurou. “A fase de discriminación, de descoordinación e déficit, será substituída polo compromiso e a cooperación”, engadiu o presidente da Xunta. Neste sentido, Touriño remarcou que dende a Presidencia da Xunta se impulsará a colaboración coas demais administracións (Goberno central e Concello) para poder rematar coa discriminación sufrida pola cidade olívica. “Poremos en marcha”, asegurou, “todos os mecanismos para que Vigo poida ser unha auténtica cidade do mar, unha cidade de innovación e de investigación”.

Abrir Vigo ao mar

Emilio Pérez Touriño tamén quixo salientar que o plan de ampliación e reforma do porto de Vigo supón, a parte dun “fondo contido económico”, unha indubidable aposta pola humanización e apertura da cidade, “ese soño que é recuperar Vigo ao mar”. Nesta liña, comprometeuse a traballar por “recuperar o mar para a cidadanía”, logrando o mesmo que xa se ten conseguido noutros portos, como os de Barcelona, Bilbao ou A Coruña.

Finalmente, o titular do Goberno galego felicitou ao presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, polo labor que está a realizar, marcado por “o seu bo facer e capacidade de diálogo”.

Peaxe de Rande

Ás preguntas dos xornalistas, o máximo mandatario autonómico destacou que dende o Goberno galego está a traballar para ofrecer canto antes unha solución á peaxe de Rande. “Imos cumprir o compromiso, estamos próximos a encontrar solucións a este problema”, asegurou. Engadiu que a solución debe plantexarse en dous escenarios, un máis inmediato que libere o “tráfico cautivo” e outro, cunha perspectiva de futuro, que sería a construción da autovía Vigo-Pontevedra.

Durante a presentación do plan de ampliación e reforma do porto de Vigo o presidente da Xunta estivo acompañado pola conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e polo presidente da Autoridade Portuaria. Xuntos fixeron un percorrido polo porto antes do acto de presentación para coñecer as actuais instalacións e os emprazamentos onde se acometerá a futura ampliación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia