Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Consellería de Traballo apoia con 22 millóns de euros aos autónomos, cooperativas e emprendedores galegos

Co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, a Consellería de Traballo aposta decididamente pola promoción do autoemprego, da economía social e o apoio a emprendedores. Así, o departamento que dirixe Ricardo Varela, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, destinará arredor de 22 millóns de euros ao desenvolvemento dun conxunto integral de medidas activas que fomenten e incentiven a actividade por conta propia e a creación de emprego.

Segundo as previsións de Traballo, arredor de 4.600 beneficiarios poderán acollerse a estas axudas, que teñen como actuacións prioritarias o fomento do espírito de empresa como vía eficaz de inserción no mercado laboral dos desempregados a través da creación do propio posto de traballo e da posta en marcha de novos proxectos empresariais. Esta é ademais unha fórmula eficaz para a integración de colectivos de difícil inserción especialmente de mozos e mulleres e, ao mesmo tempo, constitúe un instrumento de corrección das disparidades do territorio mediante a creación de emprego a nivel local.

Promoción do Emprego Autónomo

No seu empeño por potenciar a capacidade creativa, innovadora e emprendedora da sociedade galega, en especial dos mozos e mozas, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego, a Consellería de Traballo, a través dun programa específico de promoción do emprego autónomo, axudará a financiar aqueles proxectos e iniciativas empresariais que posibiliten o emprego dos traballadores por conta propia, mediante o seu establecemento como traballadores autónomos.

Entre outras, este programa contempla unha subvención de ata 3.000 euros para garantir uns ingresos mínimos durante o inicio da actividade. Estas axudas non poderán superar o 50% do investimento inicial agás no caso de que a beneficiaria sexa unha muller, podendo ascender así ata o 60% do total.

Para o financiamento dos gastos realizados nos dous meses previos á alta e/ou nos seis primeiros meses de actividade, en concepto de alugueres, publicidade, adquisición de primeiras mercancías e subministracións, Traballo ofrece aos novos autónomos axudas dende 800 ata 3.000 euros segundo o colectivo ao que pertenza o beneficiario. Así, por exemplo, cuadriplícase a contía mínima da axuda destinada aos menores de 30 anos que pasa de 600 euros a 2.400. As mulleres poderán recibir unha subvención de como mínimo 1.600 euros, é dicir increméntase en 400 euros o mínimo desta subvención. No caso daquelas mulleres que inicien a súa actividade en oficios nos que estean subrepresentadas, as que se incorporen ao mercado de traballo despois de 24 meses paradas, e as que formen unha familia monoparental que teña ao seu cargo unha persoa dependente, a contía mínima desta axuda ascende de 1.800 a 2.400 euros.

Poderanse acoller a este tipo de axudas aqueles desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos ou por conta propia.

Fomento do Emprego en Cooperativas e Sociedades Laborais

O obxectivo deste tipo de axudas é promover accións e facilitar axudas e subvencións que contribúan á creación ou mantemento de postos de traballo en cooperativas e sociedades laborais. Así outorgarase unha subvención de ata 3.600 euros en concepto de axuda para a adquisición da condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral. Esta contía poderase incrementar ata 4.200 euros no caso de que o beneficiario sexa menor de 30 anos, muller, traballador en situación de risco de exclusión social, desempregado de longa duración ou discapacitado.

Este programa contempla así mesmo outra subvención, para a propia cooperativa ou sociedade laboral, de ata 5.500 euros por cada socio traballador incorporado a xornada completa, é dicir, increméntase en 1.000 euros o mínimo desta subvención. Estes incentivos poderán acadar os 5.800 euros se a persoa incorporada ten menos de 30 anos, ata 7.000 se é muller, no caso de persoa en risco de exclusión social a axuda poderá acadar os 8.000 e os10.000 se se trata dunha persoa con discapacidade.

Dando resposta a unha demanda do movemento asociativo das empresas de economía social, como novidade, inclúese un novo colectivo beneficiario deste tipo de programas, que son os traballadores vinculados á empresa por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de 6 meses na data da súa incorporación.

Ademais, nesta liña de subvencións inclúese unha axuda excepcional para o inicio da actividade das cooperativas ou sociedades laborais de nova creación e constituída exclusivamente por mulleres e mozos menores de 30 anos. Esta axuda se concederá unha soa vez e subvencionará ata nun 50% os gastos derivados do inicio da actividade. Poderán solicitar esta subvención, dotada cunha contía de ata 3.000 euros por socio traballador, aqueles mozos menores de 30 anos ou mulleres que no momento da súa alta á Seguridade Social fosen desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia