Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Escola Náutico Pesqueira de Ribeira acolle unha exposición que recupera o patrimonio marítimo-cultural de Noia

A Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, acolle dende o xoves 9 de febreiro unha exposición que forma parte
dun proxecto máis amplo para recuperar o patrimonio marítimo-cultural da
vila de Noia. A mostra recolle maquetas de antigas embarcacións,
instrumentos de navegación, arquivos documentais e fotografías de pesca e
marisqueo do século pasado. A exposición está aberta ao público os días 9
e 10 de febreiro e inclúe, entroutras reliquias pesqueiras, máquinas de
vapor e motores en miniatura de combustión externa; cartas de navegación e
cálculos náuticos; equipos dos séculos XVIII, XIX e XX, empregados para
observar o sol; así como unha ampla colección de documentos entre os que se
atopan manuais, libros e diarios de navegación.

A mostra contará ademais cunha recopilación de fotografías nas que aparece
retratada a vida dos mariñeiros noienses a partir dos anos 50. Asemade, os
visitantes poderán ver auténticas xoias como unha maqueta dun barco de
1919, do que tamén se dispoñen os roles e a real patente de navegación.

A Asociación Mar de Noia, membro da Federación Marítimo Cultural e Fluvial
de Galicia, é quen cede durante estas dúas xornadas parte do seu legado
cultural á Escola Naútica de Ribeira, co obxectivo de que o seu patrominio
chegue a todos os rincóns da comunidade galega. Por este motivo, dende o
centro público de ensinanzas pesqueiras estanse a organizar visitas guiadas
destinadas a alumnos de primaria e secundaria da comarca do Barbanza para
que coñezan mellor a historia desta localidade mariñeira.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia