Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta comprométese a dar unha solución inmediata e plenamente satisfactoria para a peaxe de Rande

O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse no Parlamento a dar unha solución “de maneira inmediata e plenamente satisfactoria” para a peaxe de Rande-A Barcala. Asegurou que “máis cedo que tarde” os veciños verán unha solución “estable, para sempre e con garantía de universalidade”.

Pérez Touriño explicou no Parlamento que a solución será firmada conxuntamente entre o Goberno de España e o Goberno galego. “Aquelo que non foi quen de facer ningún goberno deste país nesta materia”, indicou. O presidente da Xunta asegurou que se trata dunha reclamación histórica que se resolverá “ben pronto” a pesar de tratarse dunha herdanza complicada do anterior goberno.

Touriño indicou na súa intervención que a autoestrada do Atlántico “constitúe sen dúbida” a infraestrutura de maior valor estratéxico do noso país, a columna vertebral que soporta a dinámica da mobilidade e das relacións económicas sociais e culturais ao longo do eixo atlántico. Por iso considerou “absolutamente incomprensible” que fose durante o mandato do Partido Popular en España cando se vendese o patrimonio do Estado con maiores vantaxes para os compradores e coa plena complicidade do anterior goberno galego, que segundo Touriño “non fixo nada para evitar esta desfeita”.

O presidente da Xunta recordou que durante o mandato do PP se ampliou a concesión en 25 anos, esgotando o prazo concesional e condenado aos usuarios a ter que pagar peaxe ata o 2048. Hoxe o Ministerio de Economía e Facenda segue a pagar por este concepto á empresa concesionaria e o goberno anterior “non fixo nada por solucionar o problema da peaxe”, matizou Touriño. O máximo mandatario galego sinalou que os máis de 1.586 millóns de euros que se pagaron pola autoestrada do Atlántico “lamentablemente non reverteron en Galicia”.

Emilio Pérez Touriño pediu serenidade e confianza no referente á peaxe de Rande e lembrou que como solución e alternativa xa se deu un primeiro paso dando o visto bo para a construción dunha autovía libre de peaxe que unirá Pontevedra con Vigo a través de Arcade, coa A-52, e que directamente conectará coa área metropolitana de Vigo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia