Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Montilla garante ao presidente da Xunta a continuidade de todos os proxectos enerxéticos de Galicia

O ministro de Industria, José Montilla, garantiulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que os proxectos estratéxicos no sector enerxético de Galicia están absolutamente garantidos ao marxe da OPA de Gas Natural sobre Endesa.

O máximo mandatario galego, que se reuniu esta mañá no despacho do Ministerio co titular de Industria, afirmou que queda clara a “plena garantía” e o “risco cero” dos proxectos en marcha en Galicia dos ciclos combinados das Pontes e da planta de Reganosa. “O proxecto de Reganosa está practicamente acabado, a produción está absolutamente garantida e a titularidade das accións asegurará a estabilidade do proxecto”, afirmou ao respecto o xefe do Executivo galego.

Emilio Pérez Touriño asegurou que Galicia debe estar tranquila porque hai un “horizonte de estabilidade e confianza” en relación con estes proxectos. O ministro afirmou que estes investimentos están garantidos porque é unha das condicións que puxo o Goberno e a Comisión Nacional de Enerxía para autorizar a OPA de Gas Natural sobre Endesa.

Plan Miner

Ambos os mandatarios, que estiveron reunidos por espazo de 45 minutos, avaliaron a situación de Galicia en relación co Plan Miner. Neste sentido, o ministro garantiulle ao presidente da Xunta que a discriminación que sufriu Galicia co anterior plan de reactivación das comarcas mineiras verase agora corrixida coa aplicación do novo plan. Touriño sinalou que hai un “horizonte despexado” neste tema, xa que vai haber “criterios obxectivos” e “máis fondos” para distribuír. Touriño recordou que o anterior Goberno só lle asignou unha cota de participación a Galicia do 2,5%. “Teño a seguridade de que a discriminación de Galicia quedará corrixida, teremos máis fondos e mellor distribuídos”, salientou.

Reindustrialización de Ferrol

O ministro de Industria anuncioulle ao titular do Goberno galego que na última semana do mes de febreiro o Goberno publicará a orde específica de axudas para a reindustrialización de Ferrol. Touriño manifestou a súa satisfacción porque se poñan en marcha estas axudas e sinalou que a Xunta presentará neste semestre un plan de actuacións estratéxicas para área ferrolá que se desenvolverá en cooperación co Ministerio de Industria.

Convenios

Por último, ambos os dirixentes anunciaron que o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia traballan na elaboración de dous convenios a asinar de forma inmediata, un sobre eficiencia enerxética e outro para actuacións que permitan reducir a fenda dixital e apostar polas tecnoloxías da información e comunicación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia