Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O conselleiro de Economía e Facenda explica ós tres grupos parlamentarios o calendario de traballo para a reforma do modelo de financiamento autonómico

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reuniuse cos tres grupos con representación no Parlamento galego, co fin de comunicarlles os resultados do pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) celebrado o pasado día 7 en Madrid, no que se puxo en marcha a reforma do modelo de financiamento autonómico. A xuntanza convocada polo conselleiro forma parte da canle de comunicación aberta o pasado 1 de febreiro coa reunión mantida por Fernández Antonio cos responsables de BNG, PPdeG e PSdG. Entón, o conselleiro ofreceu un marco de participación dos grupos parlamentarios no proceso de revisión do modelo que terá lugar no seo do CPFF, e expuxo as liñas principais da Xunta nesta materia.

Na reunión, Fernández Antonio explicou ós voceiros de economía dos tres grupos que o pleno do órgano que reúne os responsables de Economía e Facenda das Comunidades Autónomas baixo a presidencia do Ministro de Economía y Hacienda e Vicepresidente Segundo do Goberno, Pedro Solbes, aprobou a constitución dun grupo de traballo sobre a problemática do vixente sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común, como base para comezar os traballos de revisión do sistema.

O conselleiro tamén trasladou ós responsables parlamentarios o calendario previsto para os traballos. Así, constituirase o grupo de traballo antes do 31 de marzo e presentaranse as súas conclusións no mes de setembro. A partir de entón, se iniciará o debate no seo multilateral do Consello de Política Fiscal e Financeira co obxectivo de acordar o novo modelo ante de finais deste ano.

Revisión do modelo

En liña co compromiso adquirido pola Consellería no sentido de abrir un mecanismo de participación dos grupos dentro dese proceso, o conselleiro ofreceu ós representantes parlamentarios a que lle trasladen as súas aportacións sobre as deficiencias do modelo cuxa revisión se acometerá ao longo do ano.

Tal e como comentou o conselleiro na reunión, as principais deficiencias do sistema teñen que ver, en primeiro lugar, cunhas necesidades de gasto infraestimadas polo insuficiente ponderación de factores como o envellecemento ou a dispersión. Igualmente, destaca a baixa autonomía financeira, a participación insuficiente na xestión tributaria, e a perda de peso do Fondo de Compensación Interterritorial como instrumento de cohesión e de política rexional.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia