Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Emilio Pérez Touriño compromete o apoio pleno e total da Xunta de Galicia á primeira reserva mariña de interese pesqueiro que se crea en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, compremeteu o “apoio pleno” do Goberno galego para a posta en marcha da reserva mariña de interese pesqueiro de Lira, en Carnota. O mandatario autonómico sostivo que este proxecto é “trasladable a toda Galicia”, pois é un exemplo da “capacidade emprendedora, da capacidade de reacción, do coraxe e a dignidade” da xente do mar para sacar adiante esta iniciativa.

Así o manifestou o presidente da Xunta nunha visita ao Concello de Carnota e á Confraría de Lira, onde tivo coñecemento de primeira man do proxecto impulsado por esta entidade. O presidente galego, que estivo acompañado na visita pola conselleira de Pesca, asegurou que a iniciativa da reserva mariña ten “o inmenso e o gran valor de nacer do corazón da xente do mar, de quen ama o mar e de apostar pola Galicia do mar que é a Galicia do futuro”.

Segundo indicou Touriño, o proxecto da confraría amosa a Galicia emprendedora que sempre defendeu, “capaz de ter iniciativa”. O presidente da Xunta salientou que o proxecto supón unha aposta pola confianza no país, “un país tan necesitado de confianza, de crer en nós mesmos, en que somos capaces, en que podemos, en que o camiño non ten que ser necesariamente a emigración”.

Así, indicou que o camiño non ten que ser Canarias, senón recuperar os recursos naturais e facer apostas polo futuro e a creación de emprego como a que representa a iniciativa dos mariñeiros de Lira. “Unha iniciativa que é trasladable a toda Galicia. Hoxe Lira é exemplo e referencia para Galicia enteira e a xente do mar sodes exemplo de iniciativa, de capacidade emprendedora, de capacidade de reacción, de coraxe e dignidade por sacar adiante este proxecto desde a confianza nas nosas posibilidades que son inmensas”.

Para Emilio Pérez Touriño, o proxecto de reserva mariña reúne todos os requisitos necesarios para potenciar unha pesca artesanal e responsable co medio. Así, salientou que este modelo de pesca ofrece produtos de alta calidade e seguridade alimentaria, “que é o que demanda o mercado e os cidadáns”.

Características

O proxecto de reserva mariña pretende crear en Lira unha área de resgardo dos recursos mariños co obxecto de protexer as zonas de reprodución, os caladoiros de pesca e as áreas de repoboación mediante sistemas de xestión baseados nunha explotación sustentable. A reserva mariña do mar de Lira conta cunha superficie de produción de 1.650 hectáreas, nas que se pretende aplicar medidas máis restrictivas na extración de produtos pesqueiros tales como o aumento de tallas, o establecemento de topes de captura e o aumento dos períodos de veda. A delimitación da reserva foi feita polos propios mariñeiros.

O presidente galego salientou neste proxecto o coidado posto na comercialización dos produtos pesqueiros porque, segundo indicou, iso é “fundamental para non cargar todo sobre a produción”.

“Mar de Lira convírtese nunha plataforma de futuro. É unha esperanza, unha porta aberta á esperanza de toda Galicia, do mar e da montaña que non pode ser de segunda velocidade e comprométome a que non poida ser de segunda”, expresou Touriño, quen chamou a toda a cidadanía a lograr unha Galicia cohesionada e equilibrada.

Visita ao Concello de Carnota

Con anterioridade, o presidente da Xunta realizou unha visita ao Concello de Carnota onde se reuniu co alcalde e con membros da corporación. Ante todos eles comprometeuse a sacar adiante un conxunto de proxectos de interese para o municipio. Así, indicou que xa está en marcha un proxecto de saneamento integral dotado con 250.000 euros.

Ademais, comprometeuse a apoiar a ampliación da piscifactoría presente en Carnota “respectando o medio”, así como a executar as obras de infraestruturas básicas en materia portuaria dentro do Plan de Portos e que contan cunha dotación de 1.200.000 euros. Tamén asegurou que dentro do Plan de Infraestruturas do Transporte que se vai poñer en marcha este ano se estudarán as demandas do concello respecto á circunvalación e as comunicacións co interior.

O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, elaborado por Medio Rural e Medio Ambiente, que estará en marcha antes do verán, acollerá medidas concretas para a zona de Carnota “tan castigada e de tan alto valor”, segundo indicou Touriño.

Compromiso con Muros

Ademais, o presidente da Xunta desprazouse a Muros, onde visitou o concello e a antiga fábrica de conservas e salazón. Ante a alcaldesa da localidade, Emilio Pérez Touriño expresou o apoio do seu Goberno á xente de Muros e a estar preto, compartir e apoiar cada proxecto necesario para acadar a meta de revertir a situación creada pola “lacra da emigración”.

Tras agradecer o esforzo da corporación local para facer realidade os proxectos do municipio, Touriño comprometeuse a mellorar as comunicacións de Muros e a Costa da Morte como pon de manifesto a partida de 13 millóns de euros destinados, nos orzamentos deste ano, para as melloras nas conexións de Muros con Santa Comba e Serra de Outes. Ademais, manifestou o seu desexo de poder incorporar no Plan de Infraestruturas a variante de Muros.

En canto á infraestruturas portuarias salientou que, neste ano, se destinaron 289.000 euros ao almacén de servizos múltiples e outras melloras do porto de Muros.

O presidente da Xunta tamén se comprometeu a apoiar a rehabilitación da zona histórico e a creación de solo empresarial, tal e como está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal que está a piques de ver a luz. “Co compromiso leal da Xunta, o Goberno Central, a Deputación e o Concello poderemos articular todas as teclas para acadar o obxectivo de que a costa non sexa un punto de emigración, senón un punto de retorno e de futuro para todos”, concluíu Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia