Emilio Pérez Touriño compromete ante os alcaldes da Mariña que todos os tramos da Autovía do Cantábrico estarán licitados ou en obra en 2006

Nunha reunión con todos os alcaldes da Mariña, celebrada en Ribadeo, o presidente trasladoulles as principais conclusións do cumio que afectan á comarca. O presidente da Xunta sintetizou as conclusións en catro grandes temas.
En primeiro lugar, salientou o impulso dado á Autovía do Cantábrico, mediante o compromiso de ambos os dous presidentes para desenvolver, ante o Ministerio de Fomento, unha acción conxunta co obxectivo de poñer en marcha en 2006 os 14 tramos da A-8 que discorren por Galicia e todos os de Asturias. Para Emilio Pérez Touriño, a Transcantábrica “é a columna vertebral que debe soportar o desenvolvemento de todo o norte de España” polo que a definiu como un proxecto estratéxico vital e decisivo.
Touriño remarcou a importancia do compromiso acadado con Asturias ao explicar que si se poñen en obras todos os tramos, en dous ou tres anos, e en función da dificultade de cada treito, esta infraestrutura estará rematada.
Ao respecto, o máximo mandatario galego anunciou aos alcaldes que o Ministerio de Fomento xa adxudicou o estudo informativo do corredor Barreiros-San Cibrao que comunica a Autovía do Cantábrico coa Estrada da Costa.
En materia de infraestruturas, o presidente da Xunta tamén salientou o impulso dado á “Y” que unirá a Fonsagrada con Santa Eulalia de Oscos e Salime e A Pontenova con Taramundi, así como a nova ponte sobre o río Eo en Abres, que permitirá mellorar a conexión entre os municipios de Trabada e Vegadeo.
Desenvolvemento integral da ría
En segundo lugar, o xefe do Executivo galego presentou o acordo para o desenvolvemento integral da ría de Ribadeo. Neste sentido, indicou aos rexedores que se chegou ao acordo para constituír unha unidade de xestión que podería adoptar a forma de consorcio e que contará coa participación dos concellos. Esa unidade será a encargada de deseñar os plans de desenvolvemento da ría tendo en conta o punto de vista ambiental, portuario, de transportes e de desenvolvemento integral de ambas as marxes.

Finalmente, en cuarto lugar, dentro dos acordos que afectan ao medio rural, o xefe do Executivo subliñou que Galicia e Asturias se comprometeron a compartir información en medios na prevención e loita contra os incendios forestais, para o que subscribirán protocolos de actuación.
O xefe do Executivo destacou o clima de cordialidade no que se desenvolveu a reunión cos alcaldes e comprometeuse a seguir visitando nun futuro A Mariña e a dar conta dos acordos que beneficien á comarca.
Na súa visita o presidente da Xunta estivo acompañado da conselleira de Política Territorial, María José Caride, e do titular de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, quenes desgranaron os acordos acadados nas áreas de actuación que lles competen, en particular en transporte e saneamento.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia