O presidente da Xunta compromete que o proxecto para a construción da conexión interior de Galicia con Asturias estará listo este ano

Emilio Pérez Touriño destacou que o “Y” de conexión de Fonsagrada con Santa Eulalia de Oscos e Grandas de Salime, é unha actuación histórica que permitirá achegar a montaña lucense á costa e á autovía A-6. O presidente da Xunta afirmou que esta actuación na que se investirán máis de 40 millóns de euros, entre Asturias e Galicia, permitirá desencravar e comunicar axeitadamente esta zona interior lucense.
O máximo mandatario galego afirmou que este eixo de comunicación permitirá mellorar a calidade de vida dos cidadáns e axudar a dar futuro á Galicia interior. Emilio Pérez Touriño manifestou o compromiso de que o Goberno galego porá “todos os medios” para conseguir fixar poboación no interior de Galicia e facer a estas comarcas máis atractivas, dotándoas dos servizos, as infraestruturas e os equipamentos para dar igualdade de oportunidades aos cidadáns destes territorios.
Con esta actuación, Asturias e Galicia terán a posibilidade de mellorar a conexión do occidente asturiano coa A-6 e a Autovía do Cantábrico, a través do corredor Meira-Baleira-Baralla, que actualmente están en proceso de reforma e mellora.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia