Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta defende a necesidade de reformar as Deputacións para cambiar a política da subvención e a dependencia polo modelo de concertación e cooperación cos concellos

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, defendeu a necesidade de reformar as deputacións provinciais para “modernizar e pór ao día” o seu papel na Galicia do século XXI. O máximo mandatario galego considerou que cómpre cambiar a política “de subvención e dependencia” por un modelo de “concertación e cooperación” que reforce a autonomía dos concellos e lles proporcione capacidade para atender as demandas dos cidadáns. Para o presidente, é o momento de cambiar o modelo do PP no que os concellos están “ao servizo” dos entes provinciais para poñer a estes “ao servizo” dos municipios.

Así o asegurou o xefe do Executivo galego en resposta a unha pregunta do voceiro parlamentario do PP, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle lembrou que a Xunta pretende con esta reforma dar cumprimento ao que demanda o propio Estatuto de Autonomía e a Lei de Bases de Réxime Local: o primeiro fixa “a potestade de coordinar a acción das deputacións na medida que afecta ao interese xeral” mentres a segunda mandata á Xunta “para coordinar os plans provinciais das Deputacións”. Dous obxectivos que o acordo de bases que sustenta a acción do Goberno recolle no compromiso de que o Executivo galego coordinará a acción dos entes provinciais por medio dunha lei e da elaboración dun plan único de obras e servizos.

Artellamento territorial

Pérez Touriño explicou que o Goberno que preside pretende modernizar e poñer ao día o papel das deputacións, “actualizando” as súas funcións na Galicia do século XXI e integrándoas “nun modelo de artellamento territorial” eficaz fronte ao executado polos gobernos do PP, “que non ten contribuído ao equilibrio do país”. “Dezaseis anos de goberno do PP, de asfixia financeira da maioría dos concellos de Galicia, de dependencia clientelar da inmensa maioría dos concellos de Galicia. Non sei se vostede pode sentirse satisfeito da evolución de provincias como Ourense ou como Lugo, co modelo, co funcionamento e coa práctica establecida polas súas deputacións provinciais”, censurou o presidente.

Transcorridos 25 anos dende a constitución das primeiras corporacións locais, o xefe do Executivo considera que existen “importantes déficits” que esixen que o Goberno non fique “inmóbil cando determinados resultados son un fracaso”. “Se estamos diante dun modelo que no seu funcionamento efectivo e concreto ten fracasado estrepitosamente queremos asumir unha política que non será de brazos cruzados, señor Núñez Feijóo, queremos cambiar a política voluntarista de subvención e dependencia por unha política moderna de concertación e de cooperación, que reforce a autonomía dos municipios e que lles dea capacidade a estes para atender a demanda da cidadanía”, explicou Pérez Touriño, quen fixo fincapé en que se busca pasar “dunhas deputacións nas que os concellos están ao servizo das deputacións, para facer deputacións ao servizo dos concellos deste país”.

Saldos negativos

O máximo mandatario galego argumentou ademais a necesidade da reforma en feitos como que cada ano se produce un “saldo negativo” cando se avalían as transferencias e as subvencións das deputacións aos concellos; en que un terzo do orzamento dalgunhas deputacións se dedica a subvencións ou en que tamén nalgúns entes se producen modificacións de crédito que acadan o 80%. Tamén cuestionou a negativa dos presidentes das deputacións, agás o da Coruña, de acudir ao Parlamento a “dar conta” e a “establecer as relacións mínimas de coordinación” coa Cámara. “Por iso é necesario revisar e pór ao día as deputacións”, expresou.

Tamén lembrou Pérez Touriño que a necesidade da reforma é compartida polos propios concellos e polo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, coa que en seis meses de Goberno se logrou asinar o Pacto Local. “Un pacto firmado co presidente da Fegamp, que defende os municipios, defende o municipalismo e sabe o que necesitan os municipios do país. E acabo de firmar con el o que por primeira vez na historia deste país é un avance para rachar co clientelismo, coa dependencia e coa asfixia financeira do seu modelo fracasado. Por iso hai que falar de reformas e mirar con optimismo e con esperanza ese futuro modernizador”, subliñou.

Para Emilio Pérez Touriño, o rexeite do PP á reforma dos entes provinciais débese ao seu “inmobilismo” e ao dos seus presidentes provinciais. “Señor Feijóo, non sei moi ben o que lle dirán o señor Louzán, o señor Cacharro Pardo, o señor Baltar cando falan con vostede pero certamente mo podo imaxinar cando ten que preguntar o que pregunta e ven aquí a defender o imposible, que é o inmobilismo e a continuidade na súa función e no seu papel dunhas deputacións que sabe vostede perfectamente que deben ser modernizadas, que deben ser reformadas para servir a este país. E ese é o compromiso deste goberno, que presido e que teño a vontade firme, clara e decidida para levar adiante ese proceso modernizador”, apuntou o presidente, quen manifestou o seu desexo de contar coas deputacións e co PP nesa reforma.

Reforma estatutaria

Por último, Emilio Pérez Touriño instou ao voceiro popular a abandonar a actitude reacia ás reformas, tanto das deputacións como do Estatuto de Autonomía. Así, cominouno a deixar de estar “á defensiva, poñendo obstáculos, cada día unha pedra no camiño da reforma”. “Pídolle determinación, autonomía plena para exercer o compromiso co país de pór en marcha dunha vez a reforma do estatuto de autonomía”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia