Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O SLG pide que se revisen as medidas restrictivas que se están a aplicar pola crise da gripe aviaria

As recentes medidas adoptadas pola Administración ante o risco de gripe aviaria, sumadas á prohibición de cría ao ar libre no contorno de determinados humidais de Galiza, como onte anunciaba a Consellaría do Medio Rural, pon en grave perigo a supervivencia do modelo tradicional de cría de aves de curral en Galiza, así como toda a cadea económica creada en torno a esta práctica, unha das mais asentadas no noso medio rural.

As medidas restrictivas que parece van ser aprobadas para a súa aplicación na Galiza son totalmente desproporcionadas coa situación sanitaria existente neste intre, sen ningún caso positivo confirmado, e sabendo que as rotas migratorias que seguen as aves afectadas en Europa non teñen escala ningunha en Galiza. Este tipo de medidas só se están a aplicar en países ou zonas con presenza confirmada da enfermidade.

Por se fose pouco, estas medidas non só van afectar a quen criaba aves de curral para a venda directa ou autoconsumo de carne e ovos; tamén sufrirán as repercusións negativas os vendedores de alimentos para os animais, e os recriadores e vendedores de aves de reposición, que verán como a súa principal fonte de ingresos desaparece dunha parte importante da nosa xeografía. Ao mesmo tempo, e cando aínda non se deron grandes caídas no consumo, a histeria desencadeada pola gripe aviaria está a provocar grandes perdas nas explotacións integradas nos grupos industriais de cría de aves, ás que xa levan algún tempo baixándolles os prezos das producións. A medio prazo, esta situación vaise traducir en maiores ingresos para as grandes integradoras e na caída de rendas das explotacións que dependen delas, pois os valores de mercado non están a sufrir baixa algunha.

O SLG esixe indemnizacións para os criadores e criadoras de aves afectad@s polas restricións, e control dos prezos en orixe

O SLG pediulle á delegación da Consellaría de Medio Rural que se desprazou hoxe a Madrid, así como ao propio Ministerio, firmeza á hora de defender ás produtoras e produtores de aves do País, e a que tomen as medidas oportunas para reverter unha situación de histeria e alarmismo que está a provocar, ao noso entender, actuacións desmesuradas e restriccións inxustificadas, máis en consonancia co boom mediático que supón a gripe aviaria que con criterios estrictamente científicos.

De non emendarse esta situación, desde o Sindicato Labrego Galego esixiremos da Administración, tanto galega como do Estado, a habilitación inmediata de partidas orzamentarias que afronten ao cento por cento as perdas que se van a ocasionar coa posta en marcha destas medidas restrictivas na cría de aves, así como as xa ocasionadas; e todos os medios dos que dispoña a Administración para adaptar as instalacións existentes a estas limitacións.

Ao mesmo tempo, o SLG insta á Consellaría de Medio Rural a que tome medidas efectivas no control dos prezos pagados polas integradoras aos seus produtores, de xeito que a gripe aviaria non sexa unha escusa para proseguir con baixadas de prezos cando o consumo na Galiza non se está a ver afectado.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)