Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta afirma que o Goberno galego asume o compromiso de ter a plena participación en iniciativas de fomento do deporte de base e de mellora da calidade de vida

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, afirmou en Pontevedra que o Goberno que preside asume o compromiso de ter a plena participación en iniciativas polo fomento do deporte de base e da mellora da calidade de vida. O presidente fixo estas declaracións no transcurso do acto de inauguración do Complexo Deportivo Ponte Muíños.

Durante a súa intervención, o xefe do Executivo autonómico destacou que a inauguración deste ambicioso centro é o resultado do esforzo ilusionado de moitas persoas para sacar adiante un proxecto deportivo en beneficio de todos os cidadáns pontevedreses. Touriño cualificou o acto como “especialmente emotivo e ilusionante” porque nace “da sociedade, da propia cidadanía, da vontade decidida de acadar unha meta ambiciosa”.

O máximo mandatario galego subliñou que o novo centro deportivo pontevedrés constitúe un proxecto “grande pola súa motivación e tamén por estar na vangarda do deseño e da actualidade”. Ao seu xuízo, este complexo deportivo complementa a práctica deportiva cos valores culturais.

Ademais, o presidente galego apuntou que o deporte “é un actividade que permite cultivar valores como o compromiso, a entrega, o esforzo, a solidariedade e a capacidade de iniciativa”.

Finalmente, Emilio Pérez Touriño resaltou que o centro deportivo Ponte Muíños é un exemplo da cooperación entre administracións en favor das demandas da sociedade. “Hoxe é un día cargado de optimismo e que subliña as magníficas condicións da cidade de Pontevedra en canto a calidade de vida, calidade deportiva e calidade ambiental”, aseverou

Na inauguración do centro deportivo Ponte Muíños, participaron tamén a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia