Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O secretario xeral de Relacións Exteriores analiza coa cónsul de Portugal as características do Secretariado Permanente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, reuniuse coa Cónsul Xeral de Portugal en Vigo, María Regina Flor e Almeida, para analizar as características do futuro secretariado permanente da Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Trátase da primeira xuntanza de coordinación entre as dúas Administracións logo da sinatura, o pasado 24 de febreiro, do novo convenio de cooperación transfronteiriza entre o Norte de Portugal e Galicia. Este novo marco, que adapta o acordo constitutivo da Comisión aos requirimentos do Tratado Hispano-portugués de cooperación transfronteiriza de 2002, permite avanzar nunha nova etapa de relacións consideradas de “segunda xeración”.

Gómez-Reino informou que no encontro de hoxe abordaron as “ideas” que marcarán o nacemento do secretariado permanente. Así mesmo, adiantou que a secretaría xeral de Relacións Exteriores está a traballar nesta proposta que a Xunta de Galicia presentará nun par de meses ao presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Laxe.

Traballando xuntos

O secretariado permanente fará posible que os representantes da Xunta de Galicia e do Norte de Portugal integrados na Comisión de Traballo desenvolvan as súas tarefas en conxunto, no mesmo espazo físico.

Santiago Gómez-Reino declarou que o secretariado permitirá “o traballo común de homes e mulleres separados ata hoxe por prácticas administrativas diferentes e polas barreiras físicas da distancia” e “nos converte na primeira instancia territorial de carácter rexional da península en cumprir coa adaptación ao Tratado de Valencia e adianta en 3 anos o prazo previsto para a súa aplicación.”
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia