Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta proporá a creación de cinco novos órganos xudiciais en Ferrol, Santiago, Vigo, Carballo e Ponteareas no 2006

A Xunta proporá ao Ministerio de Xustiza a creación de cinco novos órganos xudiciais nas cidades de Ferrol, Santiago, Vigo, Carballo e Ponteareas no 2006, segundo anunciou o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, tras unha xuntanza da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior Xustiza de Galicia (TSXG) e esta Consellería.

O conselleiro explicou que as cinco unidades que o Ministerio ten reservadas para Galicia deben ser, segundo o acordo alcanzado cos representantes do TSXG, un xulgado mixto en Ferrol, un segundo contencioso-administrativo en Santiago, un xulgado especializado en delitos de violencia contra a muller en Vigo, e novas unidades xudiciais nos concellos de Carballo e Ponteareas. “Son propostas derivadas do número de asuntos que trata cada xulgado, e na ponderación do diferente peso e dos distintos tipos de iniciativas xudiciais, e por tanto son propostas que responden absolutamente a criterios de prioridade”, afirmou Méndez Romeu.

O titular de Presidencia engadiu que, se ben estas son as únicas prazas previstas no plano de creación de unidades xudiciais en Galicia no ano 2006, xa se están a estudiar outras para a súa creación en 2007. Os novos órganos entrarán en funcionamento a finais de ano, aínda que o presidente do TSXG, Jesús Souto Prieto, apuntou a posibilidade de que tanto o contencioso-administrativo de Santiago coma o mixto de Ferrol estean en marcha a principios do próximo verán.

Labor de Souto coma presidente do TSXG

Doutra banda, o conselleiro tamén se referiu á posibilidade de crear un xulgado destinado á violencia de xénero na Coruña, indicando que ás cifras poñen de manifesto que, actualmente, resulta máis prioritario en Vigo, e adiantando que se estudiará a súa creación no ano 2007, se as necesidades así o esixen.

Esta foi a última xuntanza da Comisión Mixta a que asiste Souto, xa que en breve deixará a presidencia do TSXG para ser maxistrado no Tribunal Supremo. Méndez Romeu gabou a labor de Souto ao frente deste organismo, e destacou a súa “voz fortemente implicada na galeguización da xustiza e na mellora da infraestructura material e humana en Galicia”, asegurando que “vai deixar unha perda importante no mundo xudicial”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia