Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta afirma que as administracións públicas manteñen unha belixerancia activa contra calquera ataque á dignidade das mulleres

Emilio Pérez Touriño presidiu no Parlamento de Galicia a sinatura do Acordo Interinstitucional para a Mellora na Atención ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e puxo de manifesto, no decurso do acto, a “belixerancia” activa que manteñen as administracións públicas contra calquera ataque á dignidade das mulleres. Este compromiso evidénciase na sinatura dun acordo que, como dixo Touriño, constitúe “un excelente indicador” da sensibilidade que existe en Galicia con respecto a este problema.

De feito, ao acto acudiron, ademais do presidente da Xunta, o vicepresidente da Igualdade e do Benestar; os conselleiros de Sanidade, Educación, Traballo, Presidencia e Vivenda; o presidente da Fegamp; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; e o fiscal xefe do TSXG.

Plena igualdade

O presidente da Xunta indicou que a data de hoxe é “vital” no percorrido de cara á “plena igualdade” entre mulleres e homes. Malia a significatividade desta data, Touriño lembrou que “aínda queda moito por facer” neste terreo. Por iso, expuxo a “firme vontade” de seguir coordinando esforzos na loita contra a violencia de xénero.

O titular da Xunta tivo verbas para quenes sofren en primeira persoa “este inferno de maltrato e de inxustiza” e a elas quixo trasladarlles a súa mensaxe de solidariedade, de apoio e de esperanza. Unha vez máis, Touriño insistiu na necesidade de coordinar esforzos, de establecer “unhas pautas ben definidas” para o traballo nunha única dirección.

Así, o traballo consensuando fará posible minar esta lacra social, cuxos índices de barbarie son, segundo o presidente da Xunta, “escandalosos” nas sociedades avanzadas actuais.

Medidas concretas

Entre as medidas concretas que se levarán a cabo desde a Xunta de Galicia para loitar contra a violencia de xénero, destaca a posta en marcha da Lei Galega contra a Violencia de Xénero. “Unha lei consensuada que, contando coa colaboración e implicación de todas as estruturas sociais, entrará no Parlamento de Galicia no último trimestre do ano”, dixo Touriño.

Para a elaboración desta Lei xa se produciron numerosas xuntanzas de traballo entre responsables da administración e diferentes colectivos sociais e de servizos, segundo indicou o presidente galego.

Paralelamente, o titular da Xunta indicou que se creará na Comunidade Autónoma unha Oficina de Atención Integral ás Vítimas da Violencia de Xénero, que se concibe como un “novo mecanismo de axuda” para combater esta problemática social.

Tamén se fará fronte á problemática que supón a inserción laboral das mulleres mediante a posta en marcha, neste primeiro semestre do ano, da Lei para a Inserción Laboral das Mulleres Galegas.

Finalmente, o presidente galego agradeceu a todas as institucións asinantes o compromiso amosado para articular medidas de acción positiva neste asunto e anunciou o compromiso de incorporar a outras entidades sociais, como ONGs ou diferentes colectivos, na erradicación da violencia de xénero.

Eliminación da desigualdade

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, puxo de manifesto, no decurso da súa intervención, que “unha sociedade democrática coma a galega e que traballa día a día por aumentar o benestar da súa cidadanía ten que comprometerse na eliminación da desigualdade, e a forma máis brutal de desigualdade, a que produce máis dor, é a violencia contra as mulleres”. Con esta meta, expresou a implicación da Vicepresidencia da Xunta, “dende a que traballamos a cotío para mellorar a asistencia ás mulleres que a sofren, así coma para promover a igualdade que a prevén”.

Adán lembrou que “o que se subscribe co acordo asinado é a cooperación efectiva en materia de violencia de xénero, algo que require do compromiso das administracións e a cidadanía”. Para a responsable de Igualdade da Vicepresidencia, “é este un compromiso político e ético”, co que se pretende que as mulleres que sofren esta violencia teñan a posibilidade de ser escoitadas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia