Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O temporal causa perdas preto dos dous millóns de euros ás explotacións de horta e flor do norte da Coruña

As explotacións de horta e flor da provincia da Coruña están acumulando perdas millonarias por mor dos efectos devastadores que está do temporal nos invernadoiros e nas colleitas. Segundo estimacións dos técnicos do Sindicato Labrego Galego, só na zona norte da provincia coruñesa os danos nos cultivos de leituga e nos invernadoiros ascenden a unha cifra aproximada de 1.620.000 euros.

Daquela, se estendemos o abano a outros cultivos de horta, ou á floricultura, os danos poderían superar os dous millóns de euros. O responsábel do sector nesta bisbarra, Antón Sánchez García, calcula en que as explotacións de horta afectadas pola climatoloxía adversa, dun xeito ou outro, ascenden ao 80%.

Diante desta situación catastrófica para o sector, que ven sendo un suma e segue despois de perdérense boa parte das colleitas estivais por mor dunha praga de Trips, o Sindicato Labrego vai esixir a convocatoria urxente dunha comisión avaliadora integrada por representantes da Administración e das tres organizacións agrarias, para que faga unha avaliación dos danos totais ocasionados polos estragos do temporal e, ao mesmo tempo, para que busque fórmulas de compensación a estes danos, de maneira que a renda das explotacións se vexa o menos afectada posíbel. Ao mesmo tempo, o SLG pedirá que haxa un cambio na normativa dos seguros agrarios para que se adapten á realidade e idiosincrasia de Galiza, pois nestes intres non cobren as necesidades propias do sector hortícola galego.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)