Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta incorporará un sistema de xestión de calidade nas oficinas das fiscalías galegas

A Xunta de Galicia proxecta a incorporación dun sistema de xestión de calidade nas oficinas das fiscalías galegas, segundo anunciou o director xeral de Xustiza, Santiago Roura Gómez. Esta iniciativa é pioneira en España, xa que non existe ningunha similar noutras comunidades autónomas.

Este proxecto, chamado NOVOTEC, persegue incorporar as oficinas públicas a unha dinámica de mellora continua que introducirá cambios organizativos, metodoloxías de traballos, indicadores de satisfacción dos usuarios e procesos de xestión acordes coas técnicas de administración pública máis modernas e avanzadas.

Roura Gómez e o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza, Carlos Varela García, asistiron hoxe, na sede da Delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na Coruña, á presentación dun estudo que realizará unha consultora externa para o deseño e dimensionamento deste proxecto. Tamén estiveron nesta xuntanza o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan Gómez Romero, e os fiscais xefes das audiencias provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Soporte instrumental

As oficinas de fiscalía que prestan soporte instrumental aos membros do Ministerio Fiscal están situadas na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Ourense, Cambados, Pontevedra e Vigo, e nelas traballan noventa e cinco funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza, dependentes da Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia