Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A ministra de Medio Ambiente anuncia ao presidente da Xunta a aprobación, neste mes, da declaración de impacto ambiental do tramo Lubián-Ourense do Ave

A Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona confirmoulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que o seu departamento aprobará a declaración de impacto ambiental do tramo do AVE Lubián-Ourense ao finalizar o mes de abril. “ A finais deste mes publicarase a declaración de impacto ambiental do tramo Lubián – Ourense do tren de alta velocidade, unha das infraestruturas máis importantes para a vertebración de Galicia e na que dende o goberno de España estamos traballando para axilizar ao máximo os trámites” asegurou a ministra.

O presidente da Xunta que cualificou este anuncio como unha “magnífica nova para Galicia” destacou que supón un paso decisivo na execución do tren de alta velocidade entre Galicia e Madrid. “ Coa aprobación desta declaración de impacto ambiental supérase o último obstáculo do tren de alta velocidade” asegurou.

Touriño sinalou que a finalización deste trámite permitirá acelerar a construción da conexión da nosa comunidade en AVE, xa que “o tramo Ourense- Lubián entra a continuación, neste mesmo ano, na fase de licitación dos proxectos de construción”.

O xefe do executivo galego destacou que a aprobación da declaración de impacto ambiental permitirá avanzar máis rapidamente na construción do AVE, xa que permitirá que ao longo do 2006 todos os tramos do eixo Santiago-Madrid estean en obra (Madrid-Valladolid e Santiago-Ourense) ou en fase de proxecto construtivo (Medina-Lubián e Lubián-Ourense).

Outras actuacións pendentes

A Ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona destacou ademais que a declaración de impacto ambiental do tramo do ferrocarril de alta velocidade, entre Pontevedra e Portela está xa no Boletín Oficial do Estado. Respecto á autovía interior entre Ourense e Lugo, afirmou que “esta mesma mañá se firmará a correspondente declaración de impacto ambiental”. Por último, Narbona destacou a adxudicación no mes de xuño da planta depuradora de Ferrol, xa que neste momento se esta a rematar o estudio das ofertas presentadas na fase de licitación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia