Medio Ambiente e Fegamp deciden buscar un modelo de xestión integral do saneamento para Galicia e un prezo único que acabe cos agravios entre concellos

Intensa reunión
Tras unha intensa reunión de traballo, Consellería de Medio Ambiente e Fegamp acordaron a creación dunha comisión que se encargará de buscar un modelo de xestión integral do saneamento en Galicia, que será asumido pola propia Xunta de Galicia no horizonte do 2008 sempre e cando se chegue a un consenso ca entidade que representa a tódolos concellos galegos. Acadado un principio de acordo para emprender ese camiño, o traballo durante os próximos meses centrarase en determinar a fórmula que permita o establecemento dun prezo uniforme en toda a Comunidade Autónoma para o saneamento das augas, tratando de evitar así os desequilibrios existentes na actualidade: hai concellos nos que a depuración das augas é totalmente gratuíta e outros nos que se aplica o canon de saneamento, a taxa de depuración ou ambos. Esa situación de claro desagravio xurde a raíz da aprobación da Lei de Rías, cuxa aplicación deu como resultado que hoxe haxa 18 concellos en Galicia ós que a Consellería de Medio Ambiente lles paga o 100% da depuración, mentres que no resto teñen que ser os concellos, e por extensión os veciños, os que se fagan cargo do mesmo gasto.
A intención tanto da consellería de Medio Ambiente como da Fegamp é que a partir de 2008 a xestión e mantemento das infraestruturas de saneamento de toda Galicia sexan asumidas pola Xunta de Galicia.
Auto-compostaxe
Aínda sendo o tema principal da reunión, os responsables da Consellería de Medio Ambiente e os da Fegamp abordaron outros moitos. Entre eles, a aposta firma de ambas partes pola implantación xeneralizada da auto-compostaxe no rural galego, cun programa serio e rigoroso que garanta o subministro de compostoiros a tódolos demandantes. A finalidade é reducir a cantidade de residuos na súa orixe, impulsando así boas condutas ambientais e abaratando custes no transporte e tratamento dos mesmos.
Máxima representación
Por outra banda, da xornada de traballo saíu tamén o acordo da incorporación dos concellos ós máximos órganos de dirección tanto de Sogama como de Augas de Galicia, dos que ata agora estaban ausentes, estreitando así a colaboración entre ambas entidades e incrementando o nivel de colaboración e complicidade en decisións que afectan directamente as entidades municipais e por extensión os veciños de toda Galicia.
Así mesmo, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, ofertou os alcaldes galegos, representados todos eles na Fegamp, a súa participación na redacción do Plan Galego de Residuos, que deberá rematar no mes de outubro deste ano. A decisión final foi consensuar cada bloque do plan ata o remate do documento, en aras de conxugar nel os intereses das dúas partes e de garantir un acordo pleno con relación ó texto final.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia