Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA manifesta o seu apoio rotundo ás demandas e reivindicacións dos veciños e veciñas afectados polo proxecto de construcción da variante da Comarcal -541

O trazado imposto pola Consellería de Política Territorial non é de ningunha maneira o apropiado posto que afecta gravísima e irremediablemente unha zona habitada e de alta producción agrícola. Supón un impacto ambiental e social enorme ao se ter que derrubar un importante número de casas habitadas e afectar moi negativamente ao resto das vivendas dos núcleos polos que atravesa. Isto representa un efecto barreira que altera irremediablemente as interaccións sociais e culturais establecidas no lugar e trastorna as condicións de vida de todos os seus habitantes. A calidade de vida no entorno diminuirá pola deterioración na calidade do aire da zona debido ás emisións de partículas, metais pesados e gases, así como polo incremento dos niveis sonoros provocados pola construcción e o posterior emprego do Corredor.
Esta postura da Consellería é tanto máis irracional cando existen alternativas de moito menor impacto. O propio Concello de Teo encargou un estudio técnico que propón unha alternativa de trazado que, sen incremento dos custos, aliviaría en grande medida os impactos do trazado oficial.
ADEGA denuncia as políticas de transporte e construcción de infraestructuras totalmente afastadas dun modelo de desenvolvemento minimamente sostíbel que promoven as Administracións e a carencia da necesaria sensibilidade social que evite os enormes impactos que as súas políticas comportan. A construcción de novas estradas non é ningunha solución aos problemas provocados polo tráfico rodado, simplemente contribuirá a agravar o problema, promovendo a urbanización difusa e convidando a empregar aínda máis o automóbil particular. Cómpre dar un xiro radical ás políticas urbanísticas e de transporte, establecendo limitacións ao emprego do automóbil privado, promovendo o transporte público e fomentando dinámicas de proximidade que eviten afeccións irreparables sobre a natureza e as persoas.
Adega