Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O novo edificio dos xulgados de Muros terá catro andares e unha superficie útil de 1.164 metros cuadrados

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu presentou á alcaldesa de Muros, Caridad González Cerviño, o proxecto de construción dos novos xulgados neste concello. O edificio, con catro andares, terá unha superficie útil de 1.164,65 metros cadrados e unha superficie total construída de 1.300,35 metros cadrados.

O futuro edificio dos xulgados de Muros terá unha función representativa, como corresponde ao seu carácter público, e ademais unha función concreta que vai desenvolver como lugar reservado para impartir Xustiza. O edificio, que será construído principalmente en formigón negro, aceiro inoxidable e cristal, contará con grandes cristaleiras cara ao mar que permitirán unha percepción exterior de todas as funcións do edificio.

O orzamento deste proxecto, dos arquitectos José Abeijón Vela e Miguel Fernández Carreiras, ascende a 1.754.535,95 euros. No que se refire á súa distribución interior, o andar baixo albergará, entre outros, o arquivo, o despacho forense, a sala de probas, a policía, a cela e o Rexistro Civil. A súa superficie útil é de 284,55 metros cadrados e a superficie total construída é de 322,02 metros cadrados. Pola súa banda, o primeiro andar, con 276,77 metros cadrados de superficie útil e 311,09 metros cadrados de superficie total construída, acollerá a sala de audiencias primeira e un local de usos múltiples.

O segundo andar estará reservado para a sala civil, a sala penal e a sala de declaracións, ademais dos despachos do xuíz, do fiscal e o do secretario. A superficie total útil é de 315,51 metros cadrados, e de 345,50 metros cadrados a superficie construída. Por último, a baixocuberta estará destinada principalmente aos despachos, con 194,17 metros cadrados de superficie útil e 321,74 de superficie construída.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia