Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia aspira a conseguir a máxima cuota de enerxía eólica posible dentro do Plan Nacional

O presidente da Xunta asegurou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que o Goberno galego seguirá traballando para conseguir a máxima cuota de enerxía eólica posible dentro do plan nacional. Emilio Pérez Touriño lembrou a existencia dun plan de enerxías renovables 1999-2010, elaborado polo Executivo de Aznar, que cuantificaba a achega de eólica en 13.000 megavatios. O pasado ano, o ministro Montilla puxo en marcha unha revisión 2005-2010, co fin de revisar o plan anterior e no que se propón a posibilidade de que en España se produzan 20.000 megavatios de enerxía eólica no 2010.

No contexto desta ampliación de enerxía eólica, o máximo mandatario da Xunta argumento que desde o Executivo “aspírase a poder mobilizar arredor de 6.500 megavatios”, e a producir esa cuota, unha cifra, que, lembrou o presidente, “é necesario cuantificar dentro do Plan Xeral de Enerxía”.

Pérez Touriño indicou que, nestes momentos están en marcha os traballos entre o Ministerio e as comunidades para o reparto dos 20.000 megavatios. Segundo indicou o titular da Xunta, esta distribución contempla “algún obstáculo de carácter técnico”, porque hai que contar coa necesidade de “evacuar esta producción á rede nacional”.

O presidente sinalou que, actualmente, nas negociacións hai varias propostas enriba da mesa e por cuestións técnicas a máis valorada polo Ministerio é a de 3.800 megavatios, pero anunciou que, en maio, hai outra reunión. “Estamos antes un proceso aberto e nada pechado”, subliñou o xefe do Executivo galego, quen engadiu que “o hai é un traballo entre o Goberno galego e o Ministerio”, marco no que “vamos a traballar ao máximo para acadar o obxectivo da comunidade dos 6.500 megavatios”.

Pérez Touriño insistiu en que se trata dun sector no que “temos un grande interese” porque “é un campo de desenvolvemento importante”. Neste sentido, informou que o problema fundamental é que as peticións de todas as comunidades suman 36.000 megavatios. Neste escenario, “hai que chegar a un acordo, no que teñamos a mellor marxe de produción de enerxía eólica da nosa comunidade”, subliñou. “Estamos no proceso de empurrar e conseguir a máxima cuota para Galicia”, concluíu Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia