Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A reforma da lei de función pública garantirá a acreditación do coñecemento do galego de xeito proporcionao ao cargo

O director xeral de Función Pública, José Rodríguez González, asegurou que o Goberno da Xunta de Galicia asume un compromiso de potenciación da lingua galega en tódolos ámbitos, ”e por suposto tamén no seu uso na Administración autonómica”. Por iso –explicou- na reforma da Lei de Función Pública de Galicia prevese establecer unha modificación do recollido no artigo 33 respecto da acreditación do galego nos procesos selectivos, que introducirá medidas de potenciación “para garantir que o acceso das persoas á función pública de Galicia se realice despois de ter acreditado convenientemente o seu coñecemento do galego, que terá que ser proporcionado ao cargo ou funcións que van desenvolver”.

Así o asegurou no marco da Comisión Primeira do Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre o uso do galego nos procesos selectivos. O director de Función Pública explicou na súa intervención que a Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, incluiu por primeira vez nas bases da convocatoria unha disposición segundo a que, os exames tipo test do procedemento selectivo serían redactados e distribuídos exclusivamente en lingua galega, decisión consensuada coa Secretaría Xeral de Política Lingüística –dixo-. Na súa opinión, o obxectivo desta disposición era potenciar a acreditación do coñecemento do galego entre os aspirantes a empregados públicos.

Con posterioridade, cidadáns e asociacións presentaron centos de recursos perante a Orde anterior alegando a vulneración do dereito de igualdade no acceso aos cargos públicos. Ante esta situación se consultou á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que manifestou que desde o punto de vista de aplicación do Plan Xeral para Normalización lingüística conviña manter a disposición, pero que sen embargo habería outras cuestións de legalidade que correspondía valorar desde outros ámbitos, porque aquí conflúen dúas cuestións: a selección de funcionarios públicos e a normalización lingüística.

Á vista destes recursos, a Consellería da Presidencia, AAPP e Xustiza, sendo consciente das dúbidas xurídicas ao respecto, recadou diversos informes, entre os que se atopa o da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. De acordo coa lexislación existente no momento da adopción da medida (principalmente a Lei de Función Pública de Galicia), no informe da Asesoría se chegaba á conclusión da existencia de dúbidas xurídicas sobre a prosperabilidade dos recursos interpostos contra a disposición das bases. Por outra banda o Valedor do Pobo, remitiu á Consellería da Presidencia un recordatorio de deberes legais, no que literalmente se sinala que “os distintos exercicios das probas para acceder ós diversos corpos ou escalas da Administración Pública Galega sexan redactados nos dous idiomas cooficiais desta Comunidade Autónoma, isto é, o castelán e o galego, tendo en conta o artigo 3 da Constitución Española e o art. 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia para non incumprir o artigo 14 da Constitución española que consagra o principio de igualdade e non discriminación entre os españois. Todo o anterior, sen prexuízo, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei da Función Pública de Galicia, de que se realicen nos procesos selectivos probas específicas que acrediten o coñecemento da lingua galega dos aspirantes ás prazas ofertadas.”

Ante esta situación de certa inseguridade xurídica, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza adopta unha medida de responsabilidade a prol da responsabilidade xurídica, que consiste en facilitar tamén os exames en castelán para evitar que esas impugnacións puidesen prosperar e que nos atopemos nun tempo bastante dilatado cunha sentenza que nos obrigue a retrotraer as actuacións sobre un proceso selectivo no que os funcionarios que o superasen terían tomado xa posesión das prazas.

Segundo explicou o director xeral, a instrucción dictada polo conselleiro de Presidencia e dirixida aos tribunais cualificadores para que lles dea copia do exame en castelán a aquelas persoas que o soliciten mantén o que se establece nas ordes de convocatoria. Neste sentido, lembrou que nesta instrucción se sinalaba que sen prexuízo do disposto nas Ordes de convocatoria de 1 de decembro e 26 de decembro de 2005, que establecen que a realización dos exercicios tipo test correspondentes aos procesos selectivos convocados polas mesmas “se redactarán e distribuirán exclusivamente en galego, e pola presente instrución ordénase aos membros dos Tribunais cualificadores dos diferentes procesos selectivos facilitar aos candidatos que así o soliciten expresamente ao comezo dos referidos exercicios, exemplares dos mesmos redactados en castelán, en aplicación da normativa de rango superior citada nesta instrución.”

En todo caso –subliñou o director xeral- garántese que os candidatos demostren o coñecemento do galego mediante a presentación do certificado de perfeccionamento en lingua galega ou, no seu defecto, mediante a realización dun exame específico sobre o coñecemento do galego.

Relevos de funcionarios

Doutra banda, en resposta a unha pregunta sobre os relevos de funcionarios públicos en postos de dirección da Xunta de Galicia, o director xeral de Función Pública informou de que, dende a toma de posesión do novo Goberno, cesaron no posto, de provisión polo sistema de libre designación, que desempeñaban un total de 272 funcionarios. Estes cambios debéronse a acordos das respectivas consellerías, e ás modificacións da estructura orgánica da Administración e das relacións de postos de traballo, polos que desapareceron distintas unidades administrativas e postos de traballo.

Segundo explicou, ao inicio da lexislatura o total dos postos de traballo de provisión polo sistema de libre designación, reservados a persoal funcionario, ascendía a 1.365, polo que o cesamento afectou aproximadamente a un 20% deles. Das 262 persoas cesadas, 47 accederon a outros postos de libre designación, 106 foron adscritos a novos postos de traballo propios do seu corpo e escala e 12 non están en activo por estar noutras situacións administrativas (excedencia por interese particular, servizos especiais ou incompatibilidade). Así, permanecen ao dispor do conselleiro correspondente un total de 94 funcionarios.

Rodríguez sinalou así mesmo que se ten realizado a convocatoria pública para a provisión por libre designación de 361 postos de traballo, na que se incluíron vacantes producidas como consecuencia dos devanditos ceses, así como outros que permanecían en tal situación desde tempo atrás. Na actualidade, moitas das vacantes existentes na Xunta están pendentes de cobertura dun próximo concurso de traslados, no que probablemente en xuño empecen a tomar posesión os funcionarios, polo que non resultaría operativo adscribir a unha persoa durante pouco máis dun mes para que logo cese inmediatamente.

Rodríguez subliñou que o persoal funcionario cesado en postos de provisión polo sistema de libre designación ten dereito a que se lle adscriba a un posto propio do seu corpo e escala na mesma consellería e localidade do destino no que cesaron, o que en moitos casos dificulta a nova adscrición, se ben existe a posibilidade de ser adscrito a un posto doutra consellería ou localidade sempre que a persoa o acepte voluntariamente. Nos servizos centrais isto non soe ser problemático, pero si nas delegacións provinciais, debido ao reducido das súas estructuras.

Asegurou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten pedido información ás distintas consellerías acerca das causas concretas que poden estar a motivar a non adscrición de funcionarios en situación de a dispor do conselleiro correspondente. Unha vez recadada a información, adoptaranse as medidas oportunas recordando ás distintas Consellerías a obriga de adscrición dos funcionarios a dispor nunha praza vacante da súa localidade. No caso de non existir esa, vacante a Consellería da Presidencia recadará dos funcionarios e consellerías afectados o seu consentimento para adscribilos a outras prazas vacantes en distinta consellería e, de ser o caso, e sempre con consentimento do funcionario, en distinta localidade.
Gabinete de Comunicacion da Consellería de Presidencia e Administracións Públicas da Xunta de Galicia