Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega, en defensa da fervenza de Entrecruces (Carballo)

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera que o impacto ambiental do proxecto de minicentral hidroeléctrica do río Outón é inaceptábel. A minicentral degradaría gravemente a fervenza de Entrecruces (Carballo). ADEGA demandou á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente que declare ambientalmente inviábel a minicentral.
O salto de Entrecruces, duns 100 m de alto, é un dos de maior beleza paisaxística do noso país. A Guía das fervenzas da provincia da Coruña (Ramón Muñiz de las Cuevas, Edicións do Cumio) outórgalle a cualificación máis alta, a de excelente. Mesmo o insostíbel Plano Sectorial Hidroeléctrico de Galicia-Costa clasifica a fervenza como Zona de Interese Turístico.
O estudo de avaliación ambiental encargado por ENGASA, a empresa promotora da minicentral do Outón, non ten en conta adecuadamente o valor paisaxístico da fervenza de Entrecruces. Alén de reducir fortemente o caudal da fervenza (que pasaría a ser dun 20% do caudal medio interanual actual), a minicentral diminuiría sensibelmente a calidade paisaxística do seu contorno, debido á apertura do acceso para a central hidroeléctrica, á construción desta e á instalación dunha liña eléctrica aérea para a conexión coa rede xeral de distribución.
ADEGA avoga pola conservación da fervenza na súa integridade e pola adecuación do seu contorno de forma respectuosa coa natureza para facilitar a súa visita e desfrute. Neste sentido, louba a iniciativa dos alcaldes de Carballo e de Tordoia de solicitar da Consellería de Medio Ambiente a declaración da fervenza como Espazo natural de interese local. A fervenza de Entrecruces é un valioso elemento do patrimonio natural colectivo que non debe ser destruída para producir unha ínfima cantidade de electricidade en beneficio dunha empresa privada.

ADEGA denuncia que os aproveitamentos hidroeléctricos irracionais están a ser os maiores inimigos das fervenzas galegas. Algunhas das nosas mellores fervenzas foron gravemente deterioradas por centrais hidroeléctricas, como a do Xallas en Ézaro, a do Toxa ou a do Barbantiño. A de Entrecruces, as torrentes de Mácara-Ramil no río Ulla, ou a da Freixa no río Xesta poden seguir o camiño das anteriores se a mobilización social non o impide.

ADEGA lembra que está a promover, xunto con outras organizacións, a campaña Sobran presas. Faltan ríos vivos (www.rios-vivos.org), que denuncia a insostibilidade ecolóxica do Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galicia-Costa e demanda a súa revisión. Este Plano abre a porta a proxectos como o do río Outón.
Adega