Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pérez Touriño compromete que en catro anos os cidadáns poderán circular en autovía de libre peaxe entre Pontevedra e Vigo

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou durante a súa primeira visita institucional ao Concello de Pontevedra que en catro anos os galegos poderán circular por autovía libre de peaxe entre a cidade do Lérez e Vigo. “En catro anos os pontevedreses, os vigueses e os cidadáns de Galicia poderán circular en autovía libre de peaxe entre Pontevedra e Vigo”, aseverou.

Neste sentido, o titular do Executivo galego lembrou que esta é unha actuación viaria “fundamental para os gobernos da Xunta de Galicia e de España”, que teñen comprometido “a súa dedicación diaria por conseguir que no horizonte do ano 2010 exista esta conexión por autovía entre Vigo e Pontevedra”. Así mesmo, Emilio Pérez Touriño salientou que con esta actuación abrirase un novo espazo de desenvolvemento “histórico” para a área metropolitana de Pontevedra.

O presidente da Xunta anunciou que con este obxectivo estase a traballar “arreo” e que vén de manter unha reunión en Madrid, xunto coa conselleira de Política Territorial, destinada xustamente “a potenciar, impulsar e conseguir un seguimento que faga posible que os pontevedreses poidan disfrutar e utilizar esta autovía libre de peaxe nun horizonte razoable, no horizonte de 2010”.

“Un antes e un despois”

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño amosou o seu convencemento de que Pontevedra experimentará “un antes e un despois” logo da nova etapa aberta cos comicios do pasado mes de xuño e o “Goberno de cambio”. “Aspiro, quero e comprométome a que se abra unha nova etapa na historia desta cidade”, etapa presidida, ao seu entender, polo “compromiso, o diálogo e a colaboración permanente” entre o Goberno galego e o Concello pontevedrés.

Incidindo nesta idea, asegurou que Pontevedra nesta nova etapa experimentará “un cambio substancial na súa mobilidade, nas súas infraestruturas”, coa creación dunha rede de comunicacións que permitirá a interconexión da cidade co conxunto de Galicia.

Neste sentido, subliñou a posta en marcha da autovía Pontevedra-Vilagarcía, unha actuación que marcará un novo espazo paralelo á Autopista do Atlántico, pero libre de peaxe. Deste xeito, garantirase a intercomunicación Vilagarcía-Pontevedra a través de vías de alta capacidade sen peaxe.

De igual maneira, Emilio Pérez Touriño referiuse á autovía do Salnés, xa en execución e que verá a luz nun “horizonte rápido”, e á variante de Marín, que permitirá incrementar a seguridade e a accesibilidade.

Dentro desta aposta decidida polas infraestruturas viarias na área de Pontevedra, Emilio Pérez Touriño tamén se referiu a que se está estudando a construción da Ronda Leste e que está en vía de análise a nova ponte nas Correntes e que existe unha aposta decidida da Xunta pola potenciación do transporte metropolitano.

Melloras sanitarias

Durante o seu discurso, o máximo mandatario autonómico, lembrando a aposta firme da Xunta pola sanidade, anunciou a adxudicación da obra de construción do novo centro de saúde da Parda. O orzamento de adxudicación é de case 4 millóns de euros e conta un prazo de execución estimado de 13 meses.

O novo centro dará servizo a unha poboación de 35.000 persoas e vai dispoñer dunha área de urxencias; unha área infantil con cinco consultas; unha área de adultos con 20 consultas e dúas unidades de apoio: unha de saúde bucodental e outra de atención ao embarazo.

Neste mesmo terreo, o presidente galego tamén recordou que se están a acometer as reformas do ambulatorio Virxe da Peregrina, e os traballos da Xunta no deseño dun “hospital integral”.

Saneamento rural

Emilio Pérez Touriño tamén quixo deixar constancia da aposta do Goberno que preside por una cidade limpa, na que é compatible o desenvolvemento económico coa protección do patrimonio ambiental. Así pois, lembrou que nos vindeiros cinco anos a Xunta, en colaboración co Concello, vai acometer o saneamento integral do rural pontevedrés, unha iniciativa que contará cun investimento de case 20 millón de euros.

De igual xeito, manifestou a disposición da Administración autonómica por converter Lourizán nun ”centro de referencia” en cuestións de investigación e formación ambiental. Pérez Touriño tamén asegurou que no horizonte da primeira parte desta lexislatura a Xunta cumprirá o compromiso de “poder ver realizado ese soño proclamado pola cidadanía: Ence si, pero na ría non”. O obxectivo é trasladar a papeleira co fin de emprazala noutra zona, permitindo recuperar a ría e ao mesmo tempo que Galicia teña a seguridade de completar o ciclo da madeira, xerando emprego e riqueza.

Finalmente, o presidente da Xunta referiuse á creación de solo industrial, como a actuación que se está levando a cabo en Ponte Caldelas. Tamén lembrou actuacións no ámbito deportivo e cultural, como as obras que se están a levar a cabo no museo de Pontevedra, a colaboración que a Xunta realiza para a construción do novo estadio de Pasarón, o compromiso co proxecto do Centro Deportivo da Parda, ou o Plan de Excelencia Turística de Pontevedra.

Visita institucional

Na súa primeira visita institucional ao Concello de Pontevedra, Emilio Pérez Touriño saudou primeiramente ao rexedor municipal, Miguel Anxo Fernández Lores, e aos membros da Corporación. Posteriormente, o presidente galego mantivo un breve encontro co alcalde e saudou aos voceiros dos grupos municipais. Con posterioridade, desprazouse ata a zona de Campolongo para visitar as obras dos novos edificios da Xunta en Pontevedra. O mandatario galego rematou a súa visita oficial á cidade do Lérez cun xantar ofrecido polo alcalde no Parador Nacional de Turismo Casa do Barón.

Emilio Pérez Touriño agradeceu o afecto e a cordialidade amosados nesta primeira visita oficial á cidade e lembrou que os pontevedreses poden ter “a seguridade de que o presidente da Xunta de Galicia sempre estará preto desta cidade, comprometido con ela e en disposición de responder con compromiso, lealdade e colaboración ás demandas, os soños e as ambicións que esta cidade ten”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia