Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Adega non considera necesaria a destrución da praia dos cristais de Laxe

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera que se debe restituír o material retirado por unha empresa contratada polo Ministerio de Medio Ambiente da praia da enseada Balieira (coñecida tamén como praia dos cristais), situada a carón do cemiterio de Laxe. ADEGA súmase ás demandas dos veciños e veciñas de Laxe que entenden que non se debe intervir na rechamante praia dos cristais.
ADEGA considera que o material que compón a praia dos cristais é ambientalmente inocuo e non é preciso retiralo. Esta praia é visitada con frecuencia nos últimos anos pola peculiaridade da combinación entre cristais, area e movemento do mar, sendo realmente unha formación curiosa cuxo mantemento é interesante.
O material retirado das praia dos cristais atópase depositado nas súas proximidades á espera de ser retirado xunto co resto do material que se está a sacar como consecuencia dos traballos de eliminación do vello vertedoiro de lixo moi próximo á praia.
ADEGA coida que dende a Demarcación de Costas do Ministerio de Medio Ambiente e dende o Comisionado do Prestige se deben priorizar os recursos para os empregar co obxectivo de resolver auténticos problemas ambientais. Por suposto, a actuación de retirada do lixo do antigo verteiro situado perto da praia é adecuada pero non a destrución desta singular praia, para a que está previsto traer area doutras praias da zona, cos conseguintes danos que ocasionan estas prácticas.
A recuperación da praia dos cristais é unha tarefa doada pois só é preciso trasladar o material retirado, depositado nas proximidades, ao seu lugar orixinal. Sería interesante instalar un panel que destacase a peculiaridade da formación da praia, indicando que no seu día existiu un importante foco de contaminación froito dun tratamento irresponsábel do lixo.
ADEGA quere aproveitar tamén para chamar a atención da opinión pública sobre a existencia, a escasa distancia da praia dos cristais, do vertedoiro incontrolado municipal en uso situado no Monte da Ínsua, a carón do acceso ao faro de Laxe. A súa eliminación é un asunto que debería ser encarado coa maior urxencia.
Adega