O sector de baixura presenta máis de 900 actuacións de investimento ao amparo da orde de axudas para proxectos colectivos

As iniciativas recibidas están organizadas por proxectos que foron promovidos por unha ou varias organizacións. Estes proxectos están divididos a súa vez en subproxectos que son os que definen os obxectivos concretos a realizar e especifican a inversión que se fai necesaria para levalos a cabo. O departamento que dirixe Carmen Gallego Calvar recibiu neste senso un total de 136 accións, que suporían unha inversión total de 19.207.253 euros e que engloban aspectos como novas vías de comercialización, formación, rexeneración dos bancos marisqueiros, vixiancia ou asistencias técnicas, entre outros.
A comarca de Arousa encabeza o número de solicitudes presentadas a Pesca cun total de 37 proxectos, seguida moi de preto por Vigo, que presentou 32 solicitudes. Pontevedra, Muros, Fisterra, A Costa da Morte, Coruña, Cedeira, A Mariña e A Guarda son algunhas das outras localidades costeiras de Galicia que optan ás subvencións para proxectos colectivos de xestión integral para o para o aproveitamento dos recursos mariños.
Proxectos que van desde a comercialización ata a vixilancia
Para mellorar e facer máis eficiente a xestión dos recursos é necesaria a ampliación dos colectivos sociais que participan na actividade de aproveitamento. Por elo, é preciso que as entidades sectoriais invirtan en tecnoloxía e unha destas inversións ten que ver coa incorporación de técnicos que permitan recoller información do estado do recurso para racionalizar as propostas de xestión. Neste senso, un 20,53% dos subproxectos presentados son de asistencias técnicas -un total de 63-, que conlevarían unha financiación de 1.436.676 euros.
As iniciativas vinculadas á comercialización son as que irrompen con máis forza nas peticións de axudas, xa que a participación dos produtores na comercialización dos produtos pesqueiros debería facilitar aos colectivos unha maior eficencia económica. A maioria dos proxectos presentados plantexan unha estratexia de comercialización conxunta.
No apartado de estudos, presentáronse un total de 9 solicitudes por parte de tres colectivos, catro confrarías e dúas entidades profesionais. A inversión neste eido sería de 556.708 euros e basicamente se trata de traballos destinados a ampliar os coñecementos sobre o estado das zonas de produción.
A maior parte das accións presentadas ao amparo da orde de Pesca son para a financiación dos traballos de aplicación de técnicas de semicultivo nos bancos marisqueiros tales como a preparación do sustrato ou a súa modificación, a limpeza de algas ou o aporte de semente. É importante suliñar neste intre que as zonas afectadas polas mortandades invernais puideron facer modificacións nos seus proxectos para paliar os efectos provocados por esta situación. Para actividades vencelladas á rexeneración presentáronse 94 subproxectos por valor de 5.152.137 euros.
Por último, nas iniciativas de protección dos recursos, que son tradicionais por parte das organizacións sectoriais para facilitar a organización da actividades de explotación, fináncianse fundamentalmente os costes de persoal de vixiancia. Neste apartado as subvencións solicitadas -un total de 64 subproxectos- ascenden a 4.678.753 euros.
A intención da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con esta orde de axudas, que prima os proxectos colectivos e que está na liña dos novos Fondos Europeos da Pesca, é cambiar o sistema empregado durante o Goberno do Partido Popular, que non tiña ningunha orientación nin baremo para que se soubera cal era o sistema de aprobación deste tipo de iniciativas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia