A Oficina Virtual da Xunta permite xa a realización por internet dos trámites de todos os tributos cedidos

En cumprimento do seu obxectivo de impulsar a Administración electrónica, a consellería acometeu un plan de modernización e mellora de servicios orientado a incrementar o achegamento ao cidadán facilitando os procesos de información e tramitación dos impostos. Nesa liña de maior eficacia, transparencia e axilidade, a xestión tributaria a través de Oficina Virtual permite evitar desprazamentos, dispor de libertade total de horarios e contar cunha tramitación segura e aberta a calquera autoridade certificadora.
Entre as novidades introducidas pola consellería na xestión tributaria a través de Internet, o conselleiro destacou a mellora do programa de axuda á liquidación do Imposto de Sucesión (ALIS), que presenta agora unha segunda versión máis completa que permite a simulación de todo tipo de reparto de herencias, ademais da liquidación do imposto. Tamén destaca, segundo Fernández Antonio, a nova posibilidade de ingresar as liquidacións en calquera entidade colaboradora o que supón, afirmóu, “un importante avance no achegamento da Administración e na comodidade para os cidadáns”.
Convenios con entidades colaboradoras
No mesmo sentido figura a sinatura de convenios de colaboración para a presentación telemática dos impostos a través de colexios profesionais, asociacións e outras entidades que poderán actuar como colaboradoras da Administración e intermediarios dos cidadáns. Precisamente hoxe, no marco da visita do conselleiro á Delegación de Vigo, asináronse sendos convenios con esta finalidade coa Asociación Profesional de Asesores Fiscais e Contables de Ourense (Apafco); coa Asociación Nacional de Tramitadores Administrativos e Profesionais (Antap); e co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Forestais de Galicia. A iniciativa de colaboración, segundo engadiu o conselleiro, “está aberta a calquera outro colexio ou colectivo profesional e próximamente se producirán novas incorporacións”.
Entre as actuacións internas que fixeron posible a extensión e mellora da Administración electrónica figura a instalación de fibra óptica entre delegacións e servizos centrais, a mellora dos procedementos informáticos e a axilización dos trámites administrativos. Neste último aspecto se inclúen procesos como a confección das declaracións tributarias mediante programas de axuda para cada un dos impostos, como o mencionado ALIS, que é o equivalente do Programa PADRE do IRPF, pero para o Imposto de Sucesións. Así, están dispoñibles programas en liña de axuda para Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos e Operacións societarias; para a Sociedade Limitada Nova Empresa; para Doazóns; para Transmisións de Vehículos e embarcacións usadas; e para as taxas.
Tamén é salientable a posibilidade de presentación telemática de declaracións e de pago telemático en tempo real coas nove entidades financeras colaboradoras deste servizo (Caixa Galicia; Caixanova; Banco Popular; Banco de Galicia; SCH; BBVA; Banco Pastor; Banesto). Igualmente, pódense facer os trámties relacionados coas valoracións de bens mobles e inmobles; pagos de taxas, prezos, multas e sancións (isto en Caixa Galicia e Banesto); consultas dos estados de tramitación das declaracións dende 1993; impresión de duplicados de documentos tributarios; ou obtención de certificados de débedas coa Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia