Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Lugo segue a ser unha das cidades máis seguras de España

A seguridade que segue a caracterizar ó municipio de Lugo, a violencia de xénero e un maior control dos ambulantes ilegais centraron as dúas Xuntas Locais de Seguridade que se celebraron na Casa Consistorial. O Alcalde de Lugo –José López Orozco-, o Subdelegado do Goberno na provincia –Jesús Otero-, a Delegada da Presidencia da Xunta de Galicia –Begoña Santos- e o Concelleiro de Protección da Comunidade –José Ángel González Corredoira- deron conta dos resultados despois das dúas reunións.

No tocante á Xunta Local de Seguridade ordinaria, as autoridades deron a coñecer o balance das actuacións policiais no municipio e a intensificación dos controis para eliminar os ambulantes ilegais. Os membros da Xunta son: o Alcalde de Lugo, o Subdelegado do Goberno, a Delegada de Presidencia, o Concelleiro de Protección da Comunidade e os representantes da Garda Civil e Unidade de Tráfico, Policía Nacional, Policía Autonómica e Policía Local.

Cidade segura

O Subdelegado do Goberno subraiou que “Lugo é unha das cidades máis seguras de España, aínda que temos que seguir traballando”. Jesús Otero resumiu as actuacións policiais do 2006: “No que vai de ano desapareceron os delictos e as faltas mantéñense no nivel do ano pasado. Aumentou o número de esclarecidos, estamos nun nivel do 66% no esclarecemento de faltas”.

O Subdelegado do Goberno anunciou que aumentará notablemente a presenza dos policías nacionais na rúa, xa que se cubrirán prazas vacantes. Sen embargo, fixo fincapé en que a seguridade non se debe á presenza dos axentes na rúa “senón á efectividade á hora de esclarecer e prever o que poda suceder no tema delictivo”.

Con respecto á estatística presentada, destacou que aumentaron as faltas relacionadas con asaltos a locais. Trátanse de roubos de baixa contía. Neste punto o Subdelegado cree que se poderán correxir con máis presenza policial.

Os datos presentados son para o alcalde unha mostra de que “temos unha cidadanía responsable que acata as leis”. Engadiu que “son datos alentadores que queren dicir que hai que seguir traballando e colaborando”. López Orozco amosou a súa disposición para seguir colaborando coa Policía Nacional e Autonómica. Tamén o Subdelegado do Goberno incidiu neste asunto: “A calaboración en Lugo que se da entre a Policía Nacional, Autonómica e Local é exemplar”, afirmou .

Fronte a crítica sobre o número de reunións da Xunta Local de Seguridade, Jesús Otero quixo subraiar que estas reunións son para que os responsables políticos e policiais tomen acordos efectivos. Despois as mesas técnicas reúnense frecuentemente para executar as liñas definidas previamente.

Venda ambulante

“En determinados puntos da cidade hai venda ambulante que non conta cos permisos. Seguiremos nesa líña de prohibila agás onde está permitida, que é os martes e venres en Frigsa”. O anuncio foi realizado polo Alcalde, quen tamén adiantou que a principios da vindeira semana reunirase a mesa técnica para adoptar medidas legais que prohiban este tipo de prácticas.

Para o Alcalde este tipo de venda é negativa non só para os propios consumidores senón para os vendedores legais da cidade.

Violencia xénero

Na Xunta Local de Seguridade extraordinaria o Concello e a Subdelegación do Goberno adheríronse ó convenio asinado entre o Ministerio do Interior e a FEGAMP para colaborar contra a violencia de xénero. O Concello puxo a disposición das forzas e corpos do Estado a Policía Local e os seus Servizos Sociais coa fin de colaborar ó máximo neste grave asunto, especialmente na protección das vítimas e nas ordes de alonxamento. A experiencia do Concello a través destes departamentos municipais contribuirá a facilitar o traballo dos axentes policiais.


Gabinete de Comunicación do Concello de Lugo