Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Concellería de Xuventude de Cangas edita 1.000 copias do disco Directo Xove 06

O Concelleiro de Xuventude de Cangas (Pontevedra), José Luis Gestido Porto, presentou o disco ‘Directo Xove 06’ nun acto no que tamén participou o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, e os representantes dos grupos que tocan este ano no programa. O departamento municipal editou 1.000 copias do cd multimedia, que reúne doce cancións, unha por cada banda participante, así como información sobre os grupos e o proxecto.

José Luis Gestido destacou na presentación o “aumento de participación” que rexistrou esta terceira edición do Directo Xove, con novos grupos e gran asistencia de público ós concertos dos venres. O Concelleiro de Xuventude salientou ademáis a “alta calidade musical” das bandas, con niveis cada vez máis elevados, e “a implicación e colaboración” que se xestou entre os distintos grupos e coa organización. Gestido indicou que eses aspectos son precisamente os que pretende impulsar o Directo Xove, servindo tamén como proxección para as bandas noveis. Coa edición do cd e co Festival que se celebrará venres e sábado no aparcamento de Rodeira péchase o programa de dinamización cultural, que se retomará o vindeiro ano.

O alcalde de Cangas incidiu en que o Directo Xove “é unha iniciativa pioneira” e recalcou que “cando se repite durante tres anos consecutivos é porque se trata dun proxecto consolidado”. Non obstante, Sotelo apostó por “seguir traballando para mellorar e corrixir os posibles defectos” en vindeiras edicións.

Por último, Salvador García Cal, de Radio Vigo, deulles a “noraboa” a participantes e organizadores pola iniciativa e animou ó Concello a continuar con este tipo de proxectos “tan necesarios”. As bandas que mañá e pasado tocarán no Festival Directo Xove intervirán o sábado no programa El Maketón Estrella Galicia, que 40 Principales emitirá en directo dende Rodeira.

Cancións de variados estilos

O disco ‘Directo Xove 06’ recolle un tema de cada unha das doce formacións musicais de Cangas que participan no proxecto. As cancións, gravadas en Estudios Darbo por Marcos González Ferral, son: ‘Dando lo mejor de mí’, de Estado Puro; ‘Alma escocida’, de Dos pelos Negros, ‘Tu prisión’, de Malas Pulgas; ‘All you need to know’, de Thunn!; ‘Limits of time’, de Fly Bronze Lines; ‘The day’, de Dátrebil; ‘Hits’, de J!t; ‘Tejero’, de Fíjado Korroído; ‘Limando o porto de Roberto’, de Ludovaina; ‘Grita’, de Lavorda; ‘Agnóstico’, de Dianoia, e ‘La bienvenida’, de Éxodo.

O cd ‘Directo Xove 06’ non se vende, senón que se repartirá de xeito gratuíto a través dos grupos e estará tamén dispoñible na Casa da Xuventude de Cangas. A Concellería remitirallo ademais a diferentes produtoras do Estado para promocionar as bandas locais.
Concello de Cangas