Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca inviste 24.000 euros na implantación dunha etiqueta que identifique o bonito capturado pola flota de Burela

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, asinou un convenio de colaboración coa asociación de Armadores de Burela (ABSA) para introducir un sistema de etiquetaxe a bordo das embarcacións pesqueiras, que garantice a identificación e a trazabilidade na comercialización do bonito pescado de xeito artesanal pola frota burelense. A través deste acordo, o departamento que dirixe Carmen Gallego ten previsto investir ata 24.000 euros, que serán cofinanciados con fondos europeos.

A Consellería de Pesca é consciente da necesidade de novas canles de
comercialización para que se consolide a presenza desta especie nos
distintos mercados e se fomente a súa revalorización. Neste senso, a
introdución deste sistema de etiquetaxe dende o propio momento da pesca
garantirá a trazabilidade dun produto especialmente demandado polos
consumidores dada a súa alta calidade.

Segundo se establece no convenio, ABSA será a encargada de implantar as
etiquetas a bordo das embarcacións, identificando as capturas dos buques
que actúan de maneira responsable co medio ambiente, desenvolvendo unha
pesqueiría tradicional por medio métodos artesanais como a cacea ou o
curricán. Asimesmo, a asociación de armadores outorgará a cada barco que
efectúe descargas no porto de Burela un código numérico que permita
identificar no mercado a trazabilidade do produto.

A posta en marcha desta medida inclúese dentro das prioridades da
Consellería de Pesca en materia de comercialización e distribución dos
produtos do mar, xa que o distintivo persegue darlle un valor engadido ao
bonito capturado pola frota de Burela.

O departamento que dirixe Gallego Calvar traballa a reo para garantir o
máximo rendemento económico dos recursos mariños, a través dunha
explotación racional e eficaz que sexa compatible coa conservación das
especies e o incremento do benestar comunitario. Nesta liña, a Consellería
de Pesca pretende garantirlle ao consumidor a adquisición dos produtos nas
mellores condicións de calidade, para o que resultan fundamentais as
medidas de control e inspección pesqueira.

Finalmente, o documento asinado, vixente ata o vindeiro 15 de decembro
do 2006, contempla a creación dunha Comisión de Seguimento, que estará
composta polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel
Cabirta, e o director dos armadores burelenses, Ángel Fernández.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia