Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta impulsará as mancomunidades con subvencións que estarán recollidas nos orzamentos do próximo ano

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, transmitiu aos alcaldes da Mancomunidade Arousa Norte o compromiso da Xunta de levar adiante o pulo das mancomunidades, algo que se fará a través de subvencións que estarán recollidas nos orzamentos do próximo ano.

“O noso obxectivo é facilitar ás mancomunidades que se desenvolvan, que atendan servizos máis diversificados”, asegurou Méndez Romeu. En relación coas áreas de competencia da Consellería de Presidencia, referiuse a eidos coma os das forzas de seguridade, da protección civil ou da xustiza de paz, nos que adiantou que se intentará, de acordo coas comunidades afectadas, atopar fórmulas que permitan aforro de custos e melloras na prestación de servizos.

Na reunión participaron os rexedores municipais de Boiro, José Deira Triñanes; Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida; A Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras Rivas; e Ribeira, Xosé Luis Torres Colomer. O conselleiro afirmou que a Mancomunidade de Arousa Norte ten a vantaxe de estar poñendo en valor as formulas asociativas entre concellos, que son un dos obxectivos do Pacto Local: “A medio desa estratexia de aunar esforzos cremos que se pode conseguir mellorar notablemente a prestación dos servizos públicos locais, nomeadamente os que teñen que ver cos abastecementos principais, coa recollida de lixo e con outras fórmulas relacionadas coa promoción económica e co turismo”.

Policías locais

Doutra banda, Méndez Romeu adiantou que está previsto que a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) pacten de forma definitiva o contido da futura Lei de Coordinación de Policías Locais, que definiu coma un texto “chamado a modernizar profundamente” un servizo que resulta fundamental en moitos concellos.

“Será aí onde terán cumpridas as inquedanzas que hoxe nos transmitiron os concellos, mentres que a Xunta manterá as súas liñas de financiamento para a adquisición de vehículos, contratación de auxiliares e outras liñas de cooperación”, explicou.

No que se refire aos concellos que compoñen a Mancomunidade Arousa Norte, o titular de Presidencia anunciou que no próximo mes de setembro se realizará, en colaboración co Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia (CEXESGA), un curso de formación para os oitenta policías locais de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, e Ribeira nos propios concellos, o que suporá “unha oportunidade de coñecer in situ as necesidades e os proxectos desta área tan dinámica”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia