Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inaugurada a nova fachada marítima do Porto de Fisterra na que se investiron 3,8 millóns de euros

O xefe do Executivo autonómico inaugurou a nova fachada marítima do porto de Fisterra, actuación á que o Goberno galego destinou case 2,7 millóns de euros. Asemade, o máximo mandatario galego visitou as obras de construción da nova lonxa da vila fisterrá, nas que se investiron 1,1 millóns de euros, e que están próximas á súa finalización.

As obras da nova fachada marítima, financiadas pola Consellería de Política Territorial a través de Portos de Galicia, permitirán disfrutar aos cidadáns de Fisterra dun novo paseo peonil no borde litoral de 450 metros e unha nova praza pública de 4.500 metros cadrados.

Esta actuación, na que se investiron 2.668.218 euros, permitiu definir e separar a superficie adicada a usos estritamente portuarios da zona de contacto do porto co núcleo urbano, ao tempo que se acometeu a urbanización de ambas as dúas, introducindo melloras nos pavimentos, instalacións de servizos e remodelación do mobiliario urbano e industrial.

Asemade, tamén se desenvolveu a reordenación e unificación da estética dos diferentes establecementos emprazados na fachada portuaria e a creación dun espazo aberto que sirve de praza pública. Todo isto permitiu o desenvolvemento dun paseo peonil no borde litoral de 450 metros de lonxitude e dunha praza pública de 4.500 metros cadrados de superficie.

O proxecto incluíu tamén a conexión do porto coa vila mediante escaleiras e ramplas, integrando o espazo público do porto co núcleo da vila, así como a creación de parte do vial da fronte litoral.

A actuación inaugurada hoxe supuxo tamén o acondicionamento, mellora e unificación das instalacións portuarias e toda a fachada marítima de Fisterra.

Aproveitando as obras de urbanización da fronte litoral, incorporouse ao proxecto a construción dunha nova lonxa en Fisterra. Para elo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e Portos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para a construción desta nova instalación, que está emprazada sobre a que antigamente existía e que foi derrubada, traballos que están a piques de rematar.

Esta actuación mellora o aproveitamento de todas as instalacións portuarias e facilita a operatividade dos usuarios do porto, potenciando as actividades pesqueiras que supoñen unha actividade fundamental na economía de Fisterra. O investimento da lonxa financiada pola Consellería de Pesca acada os 1.074.181 euros.

Tamén se acometeu a construción de dez novos departamentos para mariñeiros, deixando un mínimo de catro metros libres diante de cada un para facilitar o traballo exterior. Asemade, incorpórase unha nave para a limpeza de caixas de peixe que vai pegada á nova lonxa.

Portos de Galicia e Ferroatlántica asinan un convenio que compromete á empresa a investir 2 millóns de euros nas obras de ampliación do Porto de Brens

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, presidiu a sinatura do convenio de colaboración entre Portos de Galicia e Ferroatlántica polo que esta empresa se compromete a cofinanciar as obras de ampliación do porto de Brens (Cee) cunha achega de dous millóns de euros.

O convenio foi asinado esta mañá nas instalacións de Ferroatlántica en Dumbría pola conselleira de Política Territorial, María José Caride Estévez, e o presidente desta empresa, Juan Miguel Villar Mir, co obxectivo de incrementar a capacidade do actual único peirao do porto de Brens para poder atender o previsible aumento e diversificación dos actuais tráficos de mercadorías.

Segundo se establece neste documento, Portos de Galicia asume a redacción do proxecto e a execución das obras do novo peirao de atraque de uso público nas instalacións de Brens, cun presuposto estimado de 12 millóns de euros, distribuído en tres anualidades a partir do presente ano.

Pola súa banda, Ferroatlántica S.L. comprométese a financiar esta actuación cunha achega, a fondo perdido, de 2 millóns de euros, asumindo asemade os custes de todos os elementos de superestrutura, maquinaria, grúas, servizos especiais e enerxía específica para o funcionamento dos mesmos que a empresa necesite para a manipulación das mercadorías que sexan obxecto dos tráficos que realice nas novas instalacións de Brens.

O documento asinado establece, asemade, a constitución dunha Comisión Mixta de Seguimento e Control dos compromisos subscritos no convenio, cuxa presidencia recaerá no presidente de Portos de Galicia.

Coa ampliación do peirao de Brens, a Xunta de Galicia responde ás demandas das institucións, organismos e axentes sociais e económicos da zona de influencia do porto, implicando asemade a un dos principais usuarios destas instalacións no financiamento das actuacións de mellora.

Pérez Touriño anuncia que o Plan de Dinamización Económica da Costa da Morte investirá 500 millóns de euros durante os vindeiros catro anos

“A finais de mes na Costa da Morte estará o Goberno da Xunta e eu como presidente para presentar e dar palabra e cumprimento a aquilo que prometemos e cumprimos: a presentación pública do Plan de Dinamización Económica da Costa da Morte”, que contará cun investimento de 500 millóns de euros. Así o anunciou o presidente da Xunta na súa visita a Fisterra, na inaugurou o paseo marítimo desta vila e realizou unha visita ás obras da lonxa

O presidente da Xunta explicou que este plan de dinamización económica será enviado ao Parlamento no mes de setembro, que terá unha vixencia de catro anos, “entre o 2006-2010” e que contará cunha dotación de arredor de 500 millóns de euros. Pérez Touriño amosouse confiado en que este investimento servirá “de catalizador para cambiar e mudar radicalmente o presente e o futuro desta costa”.

Emilio Pérez Touriño explicou que o Plan de Dinamización Económica da Costa da Morte terá como primeira prioridade a creación de postos de traballo, poñendo en marcha “un auténtico plan de emprego”, ademais de mellorar a accesibilidade nas infraestruturas, os equipamentos e o solo industrial.

Segundo indicou, esta iniciativa tamén incluirá medidas medioambientais, un plan de pesca especial para a Costa da Morte e un plan de modernización e dinamización económica arredor dos principais sectores de actividade e fundamentalmente e torno á dinamización turística.

Na súa intervención, o titular do Goberno galego asegurou que a Costa da Morte “vai cambiar para ben de arriba a abaixo”, porque, segundo salientou, hai posibilidades “certas de revitalización económica, de creación de emprego, de oportunidades de futuro, a partir desta costa que durante anos e anos tivo un proceso de regresión, de illamento, de envellecemento, de despoboamento e de dificultades”.

Nesta liña, Pérez Touriño avogou por modificar “radicalmente” a accesibilidade a esta zona. Por iso, anunciou que o Goberno galego vai investir nos vindeiros catro anos preto de 300 millóns de euros encamiñados a mellorar a accesibilidade aos Concellos da Costa de Morte. Entre as distintas medidas programadas, destacou a construción do vial de alta capacidade entre Carballo e Fisterra que, ao seu xuízo, vai garantir “a accesibilidade plena da Costa da Morte”.

Así mesmo, o xefe do Executivo autonómico destacou que no período 2006-2010 a Costa da Morte vai estar comunicada coa Autovía do Cantábrico “e coas autovías que nos conectan con Madrid e co resto de España”.

Na súa intervención, o titular da Xunta tamén se referiu a outras iniciativas que o Goberno que preside vai pór en marcha nesta comarca. Entre elas, salientou o saneamento integral, coa instalación dunha estación depuradora; a construción dun centro de saúde en Fisterra, “prioritario na actuación do Sergas, xa que está considerado de prioridade 1”; e a creación de solo industrial.

Asemade, Pérez Touriño indicou que nos vindeiros tres anos se investirán 12 millóns de euros na construción do porto comercial de Brens, o que cualificou coma “o gran porto da Costa da Morte”. Esta obra permitirá duplicar o atraque, posibilitando a entrada de buques de ata 30.000 toneladas.

Na súa visita á Costa da Morte, o presidente galego estivo acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, así como polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Cabirta. O titular da Xunta tivo a oportunidade de visitar a Casa do Concello de Fisterra, onde foi recibido polo alcalde, José Manuel Traba, e se reuniu cos portavoces dos grupos municipais. Alí inaugurou o paseo marítimo da localidade e visitou as obras da lonxa.

Posteriormente, o xefe do Executivo autonómico visitou as obras de ampliación do porto de Brens e desprazouse ata as instalacións da empresa Ferroatlántica para presidir a sinatura do convenio de colaboración entre esta empresa e Portos de Galicia polo que esta empresa se compromete a investir 2 millóns de euros nas obras de ampliación deste porto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia