Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Goberno galego presenta para toda a área sanitaria de Vigo un novo hospital de 1.414 camas

O plan funcional de Vigo, que fará desta área sanitaria unha referencia de alta especialización, foi presentado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal e o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Antolín Rodríguez Martínez. Este plan permite “planificar toda a área sanitaria de Vigo e deseñar unha innovadora estrutura hospitalaria, que responda aos retos deste contorno poboacional”, dando conta das expectativas e necesidades de 600.00 persoas.

María José Rubio Vidal salientou que o novo centro, emprazado nunha superficie de 250.000 metros cadrados nas parroquias viguesas de Beade e Valladares, contará “con 1.414 camas e suporá un investimento de 370 millóns de euros en obra e equipamento”, e que se dividen en 280 millóns para obra civil e instalacións, e os outros 90 millóns de euros para o equipamento electromédico, informático, mobiliario clínico e instrumental. A esta inversión hai que engadir entre outros gastos, os derivados das expropiacións, adquisicións dos terreos, así como da urbanización dos mesmos.

Proceso lóxico

A conselleira de Sanidade engadiu que será un “hospital de alta especialización, investigador, docente e xerador de capital produtivo e de valor engadido que represente o compromiso do Goberno da Xunta co Sistema Sanitario Público galego”.

Rubio Vidal lembrou que o novo hospital é un proxecto no que se leva tempo traballando e precisamente unha das primeiras medidas adoptadas dende a Consellería de Sanidade “o 30 de agosto, nada máis chegar, con rigor, dedicación e co obxecto de garantir a atención que o sur de Galicia necesita” foi a de definir unha secuencia lóxica desenvolvendo separadamente os plans funcional e arquitectónico do novo hospital. Isto permitiu que o modelo do hospital responda ás demandas asistenciais da área sanitaria de Vigo, así como aos parámetros establecidos do Plan Estratéxico do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Continuando nesta liña, o pasado mes de marzo acordouse tamén a elaboración do Proxecto Sectorial de incidencia Supramunicipal, que permitirá adiantar a execución das obras nun mínimo de 28 meses. Unha actuación que quedou ratificada cun convenio asinado polas conselleiras de Sanidade e de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, María José Caride Estévez, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro.

Novo hospital

Dende a Consellería de Sanidade establecéronse uns parámetros para o novo hospital, segundo explicou a súa titular, “pois queremos que sexa un hospital amigable, aberto á xente e orientado aos profesionais. Un hospital de calidade, fortemente comprometido coa eficacia, a eficiencia e a excelencia”, e que impulse a continuidade asistencial entre Primaria e Especializada.

Os parámetros básicos inciden en varios puntos como a anticipación ás necesidades do crecemento demográfico, pois se estimou un crecemento do 6,5 por cento entre ata o ano 2017.

O novo hospital deberá ademais actuar como centro impulsor da continuidade asistencial entre Atención Primaria e Especializada. Tamén Rubio Vidal salientou a importancia das novas tecnoloxías que converterán ao hospital en referencia pois fará “énfase na Alta Resolución, de xeito que se complete nunha sola xornada” e contará “cun total desenvolvemento da historia clínica electrónica, que posibilite un hospital sen papeis”.

Infraestruturas

O novo hospital de Vigo está proxectado para dar resposta a un 40 por cento máis de procesos que os que se ofrecen na actualidade nesta área sanitaria. O complexo funcionará atendendo a criterios de desenvolvemento sostible que minimicen o impacto ambiental.

As 1.414 camas distribúense en tres áreas: médico-cirúrxica, materno-infantil, e ambulatoria e catro bloques: cirúrxico, de hemodiálise, de urxencias xerais e de urxencias materno-infantís.

A área médico-cirúrxica conta con 14 unidades polivalentes de 24 habitacións dobres, tres unidades para pacientes críticos de 12 camas cada unha, catro unidades de Coidados Mínimos de 40 camas cada unha, dúas unidades siquiátricas de 22 habitacións individuais, 16 camas de reanimación e 24 postos de espertar, 172 camas de hospitalización de día, e 38 camas de observación de urxencias.

A área materno-infantil conta con 18 unidades de atención integral ao parto, 72 habitacións individuais de obstetricia, 66 postos de neonatoloxía, 108 camas para as tres unidades de pediatría e 12 camas para a UCI pediátrica.

Na área ambulatoria a distribución é de 155 locais de consultas externas, 89 gabinetes de exploracións e 22 salas de curas/Xesos.

27 quirófanos

O bloque cirúrxico conta con 27 quirófanos, dos cales 16 son para cirurxía programada con ingreso, seis de cirurxía maior ambulatoria, dúas de cirurxía urxente, dúas para cesáreas, e outra para a fertilización in vitro.

As urxencias xerais contarán con nove locais de consulta, 18 boxes de exploración e 24 camas de observación. As urxencias materno-infantís, contan ademais con 5 locais de consulta, 13 boxes de exploración, 12 camas de observación pediátrica e dúas camas de observación obstétrica.

Para pacientes que precisen de hemodiálise, o novo hospital conta cun bloque con 29 postos para pacientes, un posto de ensinanza, dous postos de Diálise Peritoneal Ambulatoria Continua, e dous postos para diálise infantil.

A infraestrutura do centro complétase con 59 equipos de diagnose por imaxe, que en concreto, son nove de radioloxía convencional e outros seis equipos portátiles, dous para aparato dixestivo/urinaria, tres mamógrafos, quince equipos de diagnostico (mamógrafos, densiómetros, orto-pantografía, ecógrafos...), dez salas dispoñibles con TAC e resonancia, seis equipos radiocirurxicos, tres multiusos pediátricos, catro angiografos, catro gammacámaras, un TAC (Tomografía Axial Computerizada) e un espazo de reserva en previsión de futuros desenvolvementos tecnolóxicos.

Estruturado segundo os procesos asistenciais

O secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Antolín Rodríguez Martínez, asegurou que esta estrutura está “configurada segundo os procesos asistenciais dos pacientes, nun entorno axeitado para a mellora da calidade e a eficiencia”.

Antolín Rodríguez Martínez salientou a busca da calidade e confort dos pacientes, e especialmente no referido á atención obstétrica, pois prestarase “na área materno-infantil con habitacións de uso individual e no que se vai garantir a presenza da nai e do pai xunto co seu fillo durante a hospitalización en pediatría”.

Ademais, o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde concluíu que o hospital conta cos servizos e a dimensión precisa para atender á poboación en calquera escenario, un novo Complexo Hospitalario Universitario de Vigo con preto de 1.900 camas, o hospital que reflicte o compromiso deste goberno coas necesidades dos cidadáns”.

No acto de presentación do novo plan funcional estiveron tamén presentes a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino Santiago, o Delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, o alcalde en funcións de Vigo, José Manuel Figueroa Vila, a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, María del Carmen Gallego Calvar, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez, entre outros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia