Os concellos recibirán os seis millóns de euros adicionais do Fondo de Cooperación Local

O acordo proposto pola subcomisión para o reparto atribúe a metade do fondo aos concellos de menos de quince mil habitantes; unha cuarta parte a repartir entre todos os concellos; e outro tanto para os concellos cunha poboación entre quince mil e cincuenta mil habitantes. Os criterios de distribución, que atenden aos indicadores de superficie, dispersión e esforzo fiscal, están concibidos básicamente para reforzar os recursos asignados aos concellos de menor poboación dentro dos principios de cohesión e reequilibrio territorial. Estes concellos son, precisamente, os que presentan, en termos xerais, os maiores problemas de suficiencia financeira, agravada en moitos casos por unha evolución demográfica regresiva.
O fortalecemento da capacidade financeira dos concellos é un dos obxectivos do Goberno galego que xa tivo o seu reflexo nos Orzamentos da Comunidade para o ano 2006. Así, o Fondo de Cooperación Local incrementouse neste exercicio en algo máis de doce millóns de euros ata os 85,15 millóns de euros, o que supón un 16,8% máis e no que se inclúe o novo fondo complementario de 6 millóns de euros, e outros cinco millóns de euros da liquidación de exercicios anteriores. Estas medidas forman parte, ademais, do contido do Pacto Local asinado pola Xunta de Galicia e a Fegamp a principios deste ano co obxectivo de avanzar na redistribución de competencias entre as Administracións galega e local, nas necesidades finaceiras dos concellos para a prestación eficaz dos servizos aos cidadáns, e na posible corrección dos desequilibrios en determinadas áreas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia