Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O presidente da Xunta anuncia que en setembro se presentará o Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que á volta do verán se presentará o Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia. “Quero anunciar que cumprindo co compromiso que no seu día asumín, no debate de investidura como presidente da Xunta, presentaremos no mes de setembro, no inicio da nova andaina despois das vacacións, o Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia”, adiantou o titular do Goberno galego.

Segundo explicou Touriño durante a inauguración das obras de ampliación do bloque cirúrxico do Hospital Comarcal de Monforte, este plan estará dotado este mesmo ano con 300 millóns de euros, unha cifra que duplica os 150 millóns previstos nun principio no Fondo de Reequilibrio Territorial.

O presidente da Xunta tamén explicou que se trata dunha iniciativa para o período 2007-2013, no que Galicia disporá de fondos europeos para financiar o seu reequilibrio. “É unha aposta na dirección de frear a Galicia das dúas velocidades e a aspiración que compartimos para lograr unha Galicia equilibrada e cohesionada, unha Galicia onde paremos o baleiro demográfico e onde revirtamos a tendencia á desertización do país”, engadiu.

Beneficios para Monforte

O titular do Goberno galego salientou a este respecto que o Plan de Reequilibrio Territorial vai contribuír ao desenvolvemento de Monforte potenciando o seu porto seco “como zona real de actividade loxística dos portos de Vigo e A Coruña”. En definitiva, explicou Pérez Touriño, “trátase dun plan que sen dúbida potenciará os equipamentos e as comunicacións que esta comarca precisa, xunto con este hospital e outros elementos de dinamización económica para lograr ese obxectivo de país do reequilibrio e cohesión territorial”.

“Non é fácil, pero temos que reverter as tendencias seculares e de mercado”, recoñeceu Touriño, aínda que se amosou confiado en que “entre todos o poidamos conseguir”.

Factor de cohesión social e territorial

Emilio Pérez Touriño aproveitou a súa intervención na inauguración das obras no centro sanitario para sinalar que o Plan de Reequilibrio Territorial terá como instrumento fundamental “a sanidade pública e a dotación de equipamentos públicos”. Nesta mesma liña, Touriño salientou que a sanidade pública debe ser “un importante factor de cohesión social e estabilidade”.

O presidente apuntou que o hospital de Monforte constitúe tamén un factor “especialmente importante de cohesión territorial, de vertebración do territorio”, en tanto en canto facilita o achegamento de servizos ao interior de Galicia, promove a igualdade no acceso ás prestacións sanitarias e minora as situacións de desvantaxe derivadas da perda de poboación e do envellecemento.

Ademais dos seus evidentes e indiscutibles efectos sanitarios, Touriño quixo salientar ao hospital de Monforte na súa tarefa como institución creadora de emprego da comarca, que como tal contribúe a fixar poboación, atraendo profesionais, estimulando hábitos de consumo modernos e de calidade. Ademais disto, o hospital articulase tal e como resaltou o titular da Xunta “como unha factoría que irradia coñecemento, que demanda e impulsa a formación, o progreso tecnolóxico e que tira dos servizos auxiliares da actividade privada”.

Apoio orzamentario á sanidade

O presidente galego tamén lembrou a aposta do Goberno autonómico pola sanidade, e neste punto resaltou que as políticas adquiren relevancia para un goberno cando van acompañadas de orzamentos. Así, lembrou que o Goberno que preside dedica un terzo, case o 33% dos orzamentos da Xunta, aos coidados e á mellora na saúde. Sinalou que se trata duns orzamentos realistas “moi importantes” que ademais o novo Goberno galego incrementou xa nun 11,68%.

Emilio Pérez Touriño tamén se referiu á futura Lei de Saúde de Galicia, que se baseará na calidade e a participación, xunto coa “indispensable transparencia”. Trátase dunha nova lei que establecerá, de xeito consensuado, un marco da normativa sanitaria partindo do principio de “protección e garantía, e non só desde a visión organizativa do servizo en materia de saúde”, segundo matizou o máximo mandatario galego.

A nova lei, incorpora, ademais, a concepción “saúde”, por enriba da ordenación de servizos sanitarios. Así, “a protección da saúde pasa a ser, segundo indicou Touriño, unha política de goberno que deberá terse en conta nas políticas sectoriais”.

Touriño manifestou que a lei constituirá un “compromiso claro cos conceptos de equidade e accesibilidade, unha nova directriz lexislativa que promoverá estratexias que minoren desequilibrios e desigualdades da saúde”, ben sexan territoriais, de xénero, de clase social ou etnia, entre outras.

Garantías sanitarias

O presidente galego defendeu a garantía sanitaria por riba de intereses partidistas. “A saúde, a atención sanitaria, é por dicilo graficamente, un ben supremo que esixe exquisito coidado no seu tratamento, un ben público que debe colocarse por riba de intereses partidistas”, aseverou. “Non podemos cuestionarnos que a saúde é un dereito irrenunciable e o Goberno galego, do signo político que sexa ten que garantilo, defendendo sempre o seu carácter universal solidario e equitativo, primando o aseguramento e o financiamento público a provisión de servizo maioritariamente públicos”, concluíu.

No acto da inauguración das obras de ampliación do bloque cirúrxico do Hospital Comarcal de Monforte participaron entre outros a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia