Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A nova supertaxa converte en papel mollado o novo plan leiteiro do Estado

A nova supertaxa coa que o Ministerio de Agricultura volve a castigar ao sector leiteiro –1’07 millóns de euros que afectan a 200 gandeiros e gandeiras en Galiza- vén a demostrar que os dereitos de produción son manifestamente insuficientes para centos de explotacións que se vén obrigadas a superar a súa cota asignada para poder chegar a fin de mes.

O peor de todo é que, lonxe de darlle solución a isto cun plano de reestruturación do sector que proporcione cota a aquelas explotacións que estean por baixo da media estatal, o Ministerio deixará que o 80% dos dereitos abandonados fiquen na comunidade autónoma onde están, a pesares de que en moitas delas as explotacións superan con creces a media do Estado e non os necesitan para garantir a súa viabilidade. Nin sequera o 20% restante se repartirá con criterios que dean prioridade aos miles de pequenas e medianas explotacións que se atopan ao borde da creba económica por non poder producir máis, nun contexto de medre constante dos custes de produción –pensos, gasóleo, abonos, etcétera- e de estancamento ou baixada no valor do leite en orixe.

Por iso, o Sindicato Labrego quere insistir na esixencia de que o Ministerio de Agricultura dea marcha atrás ao plano leiteiro anunciado esta semana, e o redeseñe para facer viábeis a todas aquelas explotacións leiteiras cuxos dereitos produtivos se atopen por baixo da media estatal, que en Galiza son a maioría. O actual plan só incidirá na desigualdade no reparto de cota entre comunidades, e converterá en foto fixa as inxustizas actuais como que, en Galiza, máis do 50% das explotacións leiteiras do Estado teñan que apañarse só co 35% dos dereitos produtivos.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)