Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cando volvemos a Portosín? Regresan os 16 rapaces que participaron no campamento

Esta é a primeira vez que os rapaces brionenses botan o pé fóra de Galicia para disfrutar do campamento xuvenil que como cada ano organiza o Concello de Brión a través dos seus Servizos Sociais.

Nesta ocasión a estancia realizouse en San Martín de Oscos, Asturias, desde o día 15 ata o 21 de agosto. A pesar de que a climatoloxía non acompañou aos viaxeiros, Dora Vieiro, Técnica de Voluntariado de Brión, móstrase compracida cos resultados. “A verdade é que pasamos frío e a penas vimos o sol pero todo saiu moi ben”, explica.

Os dezaseis nenos participantes, de entre 13 e 17 anos, hospedáronse xunto aos cinco monitores e ao cociñeiro no albergue municipal de Ventosa. “Estivemos moi ben situados pois desde aquí puidemos facer unha pequena ruta en bici para coñecer o entorno, disfrutamos da piscina local un par de veces e viaxamos en furgoneta polos arredores a través de varias estradas de montañas”, comenta. “Ademais o primeiro día, o 15, paramos en Taramundi e realizamos a Rota da auga cunha visita específia a Os Teixois e ao seu Museo da Auga. Este é un sitio que merece realmente a pena onde se poden coñecer os misterios dos muíños de auga”, declara.

A pesar do éxito deste campamento Dora reflexiona sobre dúas cuestións curiosas: a ausencia de nenas no grupo e a variación de inscritos respecto de anos pasados. “Fai uns oito anos que facemos esta actividade, cada ano nun sitio distinto –Portosín, Ribadeo, Forcarei, o Camiño de Santiago desde O Cebreio e agora Asturias– e o número de participantes sempre varía. Iso é algo que non comprendo porque no campamento infantil sempre temos unha cifra estable que vai de 50 a 60 inscritos”, indica. “Con respecto á ausencia feminina, non sei qué dicirche. Hai moitas teorías. Segundo os nenos, nenos en masculino, as rapazas prefiren algo máis tranquilo, un campamento de praia e rélax”, engade.

PEQUENAS CURIOSIDADES

Como detalles anecdóticos desta experiencia Dora destaca, dunha banda o seu resfriado, collido a causa do mal tempo e doutra, o desexo dos rapaces de regresar a Portosín. “É increíble. Nós coméndonos a cabeza buscarlles novos sitios e alternativas e eles non ben estamos subindo ao autobús para marchar xa preguntan ‘Cando volvemos a Portosín?’ e é que sen dúbida Portosín é o sitio que máis lles gusta para ir de campamento porque xa o teñen moi ben coñecido e incluso contan con amigos da zona”, conclúe.


Gabinete de Comunicación do Concello de Brión