O SLG transmite ao Servicio Galego de Igualdade a problemática de xénero no medio rural
As representantes da Secretaría da Muller do SLG faláronlle a Marta González da necesidade de fomentar axudas concretas directas e novas fórmulas xurídicas que posibiliten a cotitularidade nas explotacións agrarias nas que, a carón do titular masculino, traballe a muller. A intención desta demanda é que ás mulleres labregas se lles recoñeza a súa participación paritaria en cuestión de dereitos, cotas, animais, e outros bens da explotación, en caso de viuvez ou separación. Outra reivindicación neste eido foi a eliminación das trabas legais e normativas que actualmente impiden que as mulleres sexan titulares de explotacións de nova constitución ou herdadas dos seus proxenitores se o seu cónxuxe xa é titular doutra explotación, unha discriminación que resulta anacrónica con respecto a calquera outro sector laboral e que incide na precariedade laboral das mulleres, vulnerando o principio de igualdade.
Outro dos temas que se abordaron na reunión foi a necesidade de manter unha Seguridade Social Agraria accesíbel que permita ás mulleres dispor dunha cobertura sanitaria propia, percibir unha renda por xubilación, ou que recoñeza as enfermidades profesionais propias das mulleres labregas, así como o dereito a percibir baixas e o recoñecemento de incapacidades.
Neste senso, as representantes da Secretaría da Muller do SLG, denunciaron ante Marta González que a reforma da Seguridade Social Agraria, aprobada recentemente, obrigará a moitas mulleres a deixar de ter cotización propia. Basearon a súa afirmación nun estudio realizado pola Cámara Agraria da Coruña que revela que un 81% das explotacións non chegan a 6.300 euros de renda media anual, polo que a nova reforma fará que se pase de cotizar agora un 13’36% da renda, a un 32% no ano 2018. Tendo en conta que o 70% das explotacións das que son titulares mulleres teñen menos de cinco hectáreas, segundo o Centro de Estudios Sociolóxicos, vai ser moi difícil para as mulleres dispor dos recursos necesarios para poder cotizar á Seguridade Social coa nova reforma.
Outro dos temas que centraron o encontro foi a necesidade de crear servicios sanitarios e infraestructuras para garantir unha boa asistencia ás mulleres labregas. Cómpre lembrar que en Galiza existe un alarmante incremento da mortalidade feminina por mor do cancro de útero que non ten correspondencia no resto do Estado; algo que contrasta coa diminución de mortes causadas polo cancro de mama gracias á implantación de campañas de detección precoz. Por outra banda, necesítanse matronas nos centros rurais de saúde; políticas sanitarias efectivas no tratamento do embarazo, parto, puerperio e aborto; ou atención axeitada ás persoas maiores e aos nenos, xa que a falta de infraestructuras dedicadas á atención destes colectivos incide aínda máis na precariedade e discriminación das mulleres, que son as que normalmente, amais de traballar, teñen que responsabilizarse do seu coidado.
A directora xeral do Servicio Galego de Igualdade mostrouse moi receptiva durante todo o encontro, e comprometeuse a transmitir estas e outras demandas ás distintas administracións competentes. Marta González tamén se ofreceu a continuar colaborando coa Secretaría da Muller do Sindicato Labrego Galego no traballo de conseguir melloras para as labregas e mulleres que viven no medio rural, ademais de poñer a disposición da organización sindical o material e recursos dispoñíbeis da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Gabinete de Comunicación Sindicato Labrego Galego (SLG)