O novo Plan de Acuicultura presentarase no primeiro trimestre de 2007

A decisión do novo Goberno da Xunta contou en todo momento co consenso do sector, que foi informado da revisión nunha reunión celebrada o 30 de setembro de 2005. Nesta liña, a primeira empresa coa que se comezou a traballar foi a que tiña o proxecto contemplado en Touriñan, cuxos dirixientes visitaron acompañados por técnicos de Pesca ata un total de nove ubicacións diferentes. Finalmente foron dúas as alternativas elexidas pola empresa, quen o pasado 1 de xuño presentou os novos proxectos que foron aprobados polo Consello da Xunta do día 21 dese mesmo mes.
Así, dende o anuncio da posta en marcha do novo Plan de Acuicultura aprobáronse xa catro proxectos de plantas acuícolas: un en Muros, dous en Xove e outro en Ribadeo e neste mesmo mes de setembro aprobarase a instalación dalgunhas plantas máis.
Carmen Gallego recordou na súa intervención que na revisión do Plan, para a que xa se mantiveron máis de 26 xuntanzas co sector, están a traballar tres consellerías (Pesca, Medio Ambiente e Política Territorial) e destacou a celeridade coa que se están aprobando os novos proxectos, xa que frente aos tres anos que tardou o PP en facer a tramitación da planta de Touriñán, “nós estamos a facer todos os trámites en seis ou sete meses”. Ademais, suliñou que “grazas a esta revisión”, Galicia conta con alomenos cinco novas zonas para instalar plantas acuícolas sen que esta actividade perxudique ao medio ambiente.
Por último, a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos salientou o compromiso do Goberno galego coa acuicultura que se traduce nunha inversión, este ano, de máis de 61 millóns de euros para o desenvolvemento desta actividade, o que supón un incremento do 123% nas inversións do orzamento destinado en 2005 polo Partido Popular.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia