O conselleiro de Economía e Facenda informa a empresarios e sindicatos dos obxectivos e prioridades do Mecega 2007-2013

O conselleiro presentou no transcurso da reunión o que será o obxectivo global do Mecega que persegue converxer en termos de crecemento e emprego grazas ao fomento dunha economía baseada no coñecemento. Tras repasar o proceso de elaboración do marco, Fernández Antonio indicóu que este documento constitúe o instrumento de planificación a medio e longo prazo dos fondos comunitarios e recolle, en consecuencia, os obxectivos, estratexias e actuación da Xunta de Galicia en materia de fondos estruturais, concretamente, Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e Fondo Social Europeo (FSE).
A partires das directrices definidas pola Unión Europea, o Mecega define como grandes obxectivos para Galicia:
1. Impulsar e dinamizar a economía rexional facendo de Galicia un lugar máis atractivo para investir e traballar
2. Incrementar a competitividade do tecido produtivo galego a través do coñecemento e a innovación
3. Aumentar a cohesión social e territorial de Galicia mellorando os niveis de cualificación, a calidade do emprego e a inclusión social
4. Reforzar a sinerxía entre crecemento e desenvolvemento sostible
Plan de Competitividade
Ademais, e en liña coas prioridades e medidas que define o Mecega, o conselleiro de Economía e Facenda e o conselleiro de Traballo propuxeron aos representantes sindicais e empresariais abordar un Plan de Competitividade que teña como obxectivo converxer cara a unha economía baseada no coñecemento, cun alto nivel e calidad do emprego, a través dun crecemento sostible e equilibrado. Neste sentido, o Plan incluiría como eixes o impulso á I+D, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; a mellora das infraestruturas físicas e tecnoloxicas, a mobilidade e o medio ambiente; e a potenciación do capital humano. Deste xeito, e segundo a proposta de Fernández Antonio, o Plan permitiría integrar e potenciar tanto os factores clave do Marco de Converxencia Económica de Galicia (Mecega) como as políticas de dinamización, innovación, formación e emprego impulsadas polo Goberno galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia