O concello de Brión inviste máis de 53.000 euros na restauración de 30 lavadoiros, cinco fontes e dous muíños

Na aldea de Boaventura, na parroquia de San Fins atopamos un lavadoiro de pedra, agora ao descuberto grazas á limpeza da vexetación que o recubría. A colocación dun novo piso evita a perda de auga. Doutra banda, en Guitiande- Os Ánxeles o lavadoiro da zona requiriu un novo tellado e unha limpeza completa. En Perrós (Os Ánxeles) o novo tellado acompañouse do pintado de todo o lavadoiro. En O Ribeiro (Bastavales), o lavadoiro foi liberado da maleza que o rodeaba e as gretas foron reparadas. En Bemil (Bastavales), o muro de pedra foi restaurado e no chan colocouse unha soleira de formigón. Este tipo de chan foi tamén colado no lavadoiro de Soigrexa (Bastavales) que recibiu ademais novo tellado. Finalmente, en Chave de Carballo (Bastavales) atopamos unha fonte en fase de rehabilitación, así como un muíño ao que se lle están a colocar novas pezas para lograr o seu funcionamento.
En Brión de Abaixo

As actuacións en Brión de Abaixo suporán demoler varios muros para reconstruílos despois con pedra cachote. Os tramos afectados presentan unha lonxitude aproximada de 25 metros x 1’5 de alto. O orzamento destinado a ampliación destes tramos ascende a 26.760,89 euros.
Ana Valín (Gabinete de Prensa do Concello de Brión)