Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca informa de que preto do 95% das zonas de marisqueo son de boa calidade

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, informou
no Consello da Xunta da nova Orde pola que se clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas rías galegas, que saíu publicada onte no Diario Oficial de Galicia.

Carmen Gallego explicoulles aos máximos representantes do Goberno autonómico que esta orde dá cumprimento ás normativas comunitarias nº853/2004 e
nº854/2004, en vigor dende xaneiro do ano 2006, e que determinan a
clasificación das zonas de produción en tres clases: A, B e C, en función da calidade das súas augas.

Segundo a lei europea, os produtos extraídos na zona A poden venderse
directamente para consumo en fresco, mentres que os procedentes da zona B
deberán pasar por un proceso de depuración antes de chegar ao consumidor.
No caso dos moluscos bivalvos recolectados en zonas C, estes só poderán ser
consumidos tras a súa reinstalación en zonas B durante periodos
prolongados.

A nova clasificación presenta unha alta porcentaxe de zonas de produción B
e isto é posible grazas ao intenso traballo de mostraxe levado a cabo
polos técnicos da Consellería de Pesca. Ata agosto de 2005 os puntos de
referencia para coñecer a calidade das augas eran escasos e representaban
unha grande extensión de superficie, o que se traducía nun grande número de
zonas C. Co novo regulamento comunitario, esta clasificación impediría aos
mariscadores vender o seu produto directamente ao consumidor obrigándolles
a reinstalalo durante un tempo longo noutras augas. Neste senso, a
conselleira apuntou que co novo mapa de catalogación, agora as zonas C
vense reducidas nun 50% respecto á normativa anterior.

Por outra banda, a orde publicada onte no DOG contempla a posibilidade de
realizar cambios de clasificación de zonas temporais ou periódicos, no caso
de que os resultados das mostraxes así o permitan.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia