Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Touriño destaca o clima de cooperación da Alcaldía coruñesa na posta en marcha de proxectos compartidos polas dúas administracións

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, agradeceu a permanente dispoñibilidade e clima de cooperación da alcaldía de Coruña, sobre todo nos proxectos que comparten ambas as dúas administracións. Este agradecemento trasladoullo o titular do Goberno galego Javier Losada, alcalde da Coruña, na reunión que mantiveron en Santiago. Neste sentido, subliñou a importancia desta colaboración porque Galicia “ten que ser e será esa suma formada pola rede da cidades do país”. Polo tanto –asegurou- “a capacidade das cidades será fundamental para a marcha do país e Coruña xoga o papel estratéxico, de referencia, vital porque é unha cidade que traballou sempre en positivo”.

O xefe do Executivo galego e o rexedor coruñés fixeron un repaso polas obras en marcha na cidade da Coruña, unha localidade que Touriño cualificou de “pulmón do norte do país, da área metropolitana da Coruña e Ferrol, onde é vital o traballo que se está a facer desde o propio Concello”.

Neste sentido, destacou o impulso que se está a dar as áreas de mobilidade e transportes, de vivenda, sanidade e educación. Así, un dos eixes fundamentais en infraestruturas foi a posta en marcha da terceira ronda da circunvalación, da que, segundo Losada, nun mes e medio se porá a primeira pedra.

Así mesmo o titular do Goberno galego destacou a adxudicación do estudo da rede do metro lixeiro e a próxima creación dunha mesa de estudo para elaborar un plan de transporte metropolitano na área coruñesa. Co obxectivo de mellorar as liñas de transporte e mobilidade, tanto o presidente como o alcalde, destacaron os traballos que se están a facer para a integración da estación do AVE, en relación coa creación da estación intermodal.

Vivenda

O presidente destacou os programas que se están a desenvolver en materia de vivenda, onde destaca a promoción de vivenda pública, que se sitúa en torno a 350 vivendas. Así mesmo sinalou as accións nesta materia para apoiar o sistema universitario, tanto en réxime de aluguer como de vivenda asequible e temporal nos recintos universitarios.

Na área de educación explicou o compromiso da Xunta de levar a cabo un novo centro educativo no novo barrio de Mesoiro, sumado á colaboración para a mellora de distintos centros educativos. Ambos mandatarios salientaron tamén as melloras no eido ambiental, que logo dun investimento de máis de cen millóns de euros, permitirán mellorar a calidade das augas na ría.

O alcalde da Coruña tamén agradeceu o apoio amosado pola Xunta e invitou ao presidente a facer unha visita institucional á cidade para que “poida ver os avances das obras na cidade”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia